1
Porque sabemos que se a nosa casa terreal, esta tenda, é destruída, temos de Deus un edificio, unha casa non feita por mans, eterna, nos ceos.
2
En verdade, neste corpo xememos, desexando ser revestidos coa nosa habitación celestial.
3
Pois, deste xeito, mesmo que desvestidos, non estaremos nús.
4
Porque os que aínda estamos nesta tenda, xememos, pois non queremos ser desvestidos senón vestidos, para que o mortal sexa absorbido pola vida.
5
Pero foi Deus quen nos destinou para isto, quen nos deu o Espírito como garantía.
6
Polo tanto, animados sempre e sabendo que, mentres habitamos no corpo, estamos ausentes do Señor,
7
(porque por fe andamos, non por vista );
8
pero collemos folgos e preferimos mais ben estar ausentes do corpo e habitar co Señor.
9
Polo que tamén procuramos, xa sexa presentes ou ausentes, serlle agradables,
10
porque é preciso que todos nós comparezamos ante o tribunal de Cristo, para que cada un reciba dacordo ao que fixo estando no corpo, sexa bo ou malo.
11
Polo tanto, coñecendo o temor do Señor, persuadimos ás persoas, pero a Deus somos manifestos, e agardo sexamos manifestos tamén nas vosas conciencias.
12
Non nos recomendamos de novo a nós mesmos, senón que vos damos a posibilidade de que vos gloriedes por nós, para que saibades que respostar para os que se gaban na aparencia, e non no corazón.
13
Porque se estamos tolos, é para Deus; e se estamos asisados, é para vós.
14
Pois o amor de Cristo pon en nós esa carga, pensando isto: que se un morreu por todos, daquela, todos morreron;
15
e por todos morreu, para que os que viven, xa non vivan para si, senón para aquel que morreu e resucitou por eles.
16
De xeito que nós, de agora en diante, xa non coñecemos a ninguén segundo a carne, e se aínda ao Mesías o coñecimos segundo a carne, xa non o coñecemos así.
17
De maneira que se alguén está en Cristo, é unha nova creación; as cousas vellas pasaron; velaquí, son feitas novas.
18
E todo vén de Deus, quen nos reconciliou consigo mesmo por medio de Cristo, e confiounos o misterio da reconciliación;
19
sendo que, Deus estaba en Cristo, reconciliando consigo ao mundo consigo mesmo, non téndolle en conta as súas transgresións ás persoas, e puxo en nós a palabra da reconciliación.
20
Polo tanto, somos embaixadores de Cristo, como se Deus rogara por medio de nosoutros; no nome de Cristo suplicámosvos: reconciliádevos con Deus!
21
Ao que non coñeceu pecado, fíxoo pecado por nós, para que nós chegaramos a ser xustiza de Deus nel.