1
Comezaremos de novo a recomendarnos a nós mesmos? Ou será que temos necesidade, como algúns, de cartas de recomendación para vós, ou de vosoutros?
2
Vós sódela nosa carta, escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por tódalas persoas,
3
quedando claro que sodes unha carta de Cristo ministrada por nós, escrita non con tinta, senón con Espírito do Deus vivo; non en táboas de pedra, senón nas táboas de corazóns humanos.
4
Pero así temos esta certeza cara Deus por medio de Cristo:
5
non que sexamos autosuficientes para atribuírnos cousa algunha, senón que a nosa suficiencia vén de Deus,
6
quen tamén nos capacitou como servos dun novo pacto, non da letra, senón do Espírito; porque a letra mata, pero o Espírito dá vida.
7
Pero se o gravado con letras en pedras foi con gloria, servindo para morte, de xeito que os fillos de Israel non podían mirar fixamente a cara de Moisés por mor do esplendor da súa faciana, que se esvaecía,
8
como non será aínda con máis gloria o ministerio do Espírito?
9
Porque se no ministerio de condenación hai gloria, moito más abunda en gloria o ministerio de xustiza.
10
Pois aínda o que foi glorioso, non o é nesta parte, porque hai unha gloria que o sobrepasa.
11
Porque se o que se esvaece foi con gloria, moito máis permanecerá en gloria o que permanece.
12
Así que, tendo tal esperanza, falamos con moita franqueza,
13
e non coma Moisés que poñía un veo sobre a súa faciana para que os fillos de Israel non lle puxeran o ollo ao que finalmente se ía esvaecer.
14
Pero o entendemento deles foi endurecido, pois ata o sol de hoxe, na lectura do antigo pacto segue o veo sen descorrer, pois só en Cristo é quitado.
15
E ata hoxe, cada vez que se le a Moisés, hai un veo posto nos seus corazóns;
16
pero cando algún se volve ao Señor, o veo é quitado.
17
Porque o Señor é o Espírito; e onde está o Espírito do Señor, hai liberdade.
18
Pero todos nós, coa faciana descuberta, reflectimos a gloria do Señor, e imos sendo transformados de gloria en gloria polo Espírito, á imaxe do Señor.