Capítulo 2

1 Pero acordei para comigo non volver a vós con tristura. 2 Porque se vos causo tristura, quen será o que me alegre a min, senón o entristecido por min? 3 E escribinvos isto, de xeito que cando me achegue a vosoutros non teña tristura de parte dos que deberan alegrarme, confiando en todos vós, de que o meu gozo é o voso. 4 Pois polo afliximento e anguria de corazón vos escribin con moitas bágoas; non para entristecervos, senón para que saibades do amor que vos teño, especialmente a vós. 5 Pero se algún me causou tristura, non foi a min a quen lla causou, senón en parte ( para non esaxerar ) a todos vós. 6 Abondo ten o que o fixo coa reprensión da maioría; 7 así que, pola contra, deberiades máis ben, perdoalo e consolalo, para que non se consuma por tanta tristura. 8 Anímovos a que lle demostredes o voso amor por el. 9 Pois tamén vos escribín por isto, para que na proba, saibades se estades a obedecer en todo. 10 Pero a quen algo perdoades, eu tamén perdoo, porque o que eu tamén perdoei, se algo perdoei, foi por vós diante de Cristo, 11 para que Satanás non tome ventaxa sobre nós, porque non ignoramos as súas maquinacións. 12 Cando cheguei a Troas para predicar as boas novas de Cristo, e sendo aberta esa porta no Señor, 13 non tiven acougo no meu espírito ao non atopar a Tito, meu irmán, senón que despedíndome deles, saín cara Macedonia. 14 Pero grazas a Deus, que sempre nos dá a vitoria en Cristo, e que por medio de nós é manifestado o recendo de si mesmo en todo lugar. 15 Porque para Deus somos un bo recendo de Cristo, entre os que se salvan e os que se perden: 16 para uns perfume de morte para morte, e para outros perfume de vida para vida. E para estas cousas, quen se basta? 17 Pois non somos coma moitos, que comercian coa palabra de Deus, senón que con sinceridade, coma de parte de Deus e diante de Deus, falamos en Cristo.