Capítulo 8

1 Cando o Año abriu o sétimo selo, houbo silencio no ceo como por media hora. 2 E vin aos sete anxos que están de pé diante de Deus, e lles foron dadas sete trompetas. 3 E chegou outro anxo e parouse diante do altar cun incensario de ouro, e déronlle moito incenso para que o engadira ás oracións de tódolos santos sobre o altar de ouro diante do trono. 4 E o fume do incenso subiu da man do anxo, coas oracións dos santos á presenza de Deus. 5 E o anxo tomou o incensario e encheuno co lume do altar, e botouno á terra; e houbo relampos, e voces, e lóstregos e un terremoto. 6 E os sete anxos que teñen as sete trompetas dispuxéronse a tocalas: 7 o primeiro tocou a trompeta, e houbo saraiba e lume misturados con sangue, e foron lanzados á terra; e queimouse a terceira parte da terra, e a terceira parte das árbores e queimouse toda herba verde. 8 O segundo anxo tocou a trompeta, e veuse sobre o mar como unha gran montaña ardendo en chamas, e a terceira parte do mar volveuse sangue. 9 E morreu a terceira parte das criaturas que había no mar, cantas tiñan vida, e a terceira parte dos barcos foron desfeitos. 10 O terceiro anxo tocou a trompeta, e caeu do ceu unha gran estrela, ardendo como unha tea, e caeu sobre a terceira parte dos ríos e sobre os mananciais das augas. 11 O nome da estrela é Amargura; e a terceira parte das augas volveuse amargura, e moitas das persoas morreron por mor das augas que tornaran amargas. 12 O cuarto anxo tocou a trompeta, e foi ferida a terceira parte do sol, e a terceira parte da lúa, e a terceira parte das estrelas, para que a terceira parte deles escurecera, e o día non resplandecera na súa terceira parte, e así mesmo a noite. 13 E vin e escoitei unha aguia voando no medio do ceo, que dicía a gran voz: -Ai, ai, ai, dos que habitan na terra, por mor das outras voces da trompeta dos tres anxos que están a piques de tocar!