Capítulo 7

1 Logo disto, vin a catro anxos en pé nos catro extremos da terra, detendo os catro ventos da terra, para que non soprara vento algún, nin sobre a terra nin sobre o mar nin sobre ningunha árbore. 2 E vin a outro anxo subindo por onde nace o sol, que tiña un selo do Deus vivo, e berrou moi alto aos catro anxos aos que se lles concedera facer dano á terra mailo mar, 3 dicindo: -Non fagades dano, nin á terra, nin ao mar, nin ás arbores, mentres non poñamos o selo na frente aos servos do noso Deus! 4 E escoitei o número dos selados: cento corenta e catro mil selados de toda tribo dos fillos de Israel: 5 da tribo de Xudá doce mil selados; da tribo de Rubén doce mil, da tribo de Gad doce mil, 6 da tribo de Aser doce mil, da tribo de Neftalí doce mil, da tribo de Manasés doce mil, 7 da tribo de Simeón doce mil, da tribo de Leví doce mil, da tribo de Isacar doce mil, 8 da tribo de Zabulón doce mil, da tribo de Xosé doce mil, e da tribo de Benxamín doce mil selados. 9 Logo disto, mirei e velaí unha multitude que ninguén podía contar, de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas, que estaban en pé diante do trono e diante do Año, vestidos con vestiduras brancas e palmas nas súas mans. 10 E alzan a súa voz dicindo: -A salvación é do noso Deus, que está sentado no trono, e do Año! 11 E tódolos anxos estaban en pé arredor do trono e arredor dos anciáns e dos catro seres viventes, e caeron sobre as súas facianas diante do trono, e adoraron a Deus, 12 dicindo: -Amén! a bendición, a gloria, a sabedoría, e a gratitude, o honor, o poder e a fortaleza, ao noso Deus polos séculos dos séculos. Amén. 13 Entón un dos anciáns tomou a palabra e preguntoume: -Estes que están con vestiduras brancas, quen son e de onde veñen? 14 E dixen: -Meu Señor, ti sábelo. Díxome: -Estes son os que veñen da gran tribulación e que lavaron as súas vestiduras e as branquearon no sangue do Año. 15 Por iso están diante do trono de Deus, e lle sirven día e noite no seu santuario; e o que está sentado no trono estenderá o seu tabernáculo sobre eles; 16 e non terán fame nin sede, nin o sol caerá máis sobre eles, nin calor algún. 17 Pois o Año en medio do trono pastorearaos, e os conducirá a mananciais de augas de vida, e Deus enxugará toda bágoa dos seus ollos.