Capítulo 18

1 Despois destas cousas vin a outro anxo descender do ceo, que tiña gran poder, e a terra foi iluminada co seu resplandor. 2 E clamou con potente voz, dicindo: -Caeu, caeu a gran Babilonia, e converteuse en morada de demos, en gorida de todo espírito inmundo e en gorida de toda ave inmunda e noxenta. 3 Porque tódalas nacións beberon do viño velenoso da súa fornicación, e os reis da terra cometeron actos inmorais con ela, e os comerciantes da terra enriqueceron co poder da súa luxuria. 4 E escoitei outra voz procedente do ceo que dicía: -Saíde dela, meu pobo, para que non participedes dos seus pecados e para que non recibades das súas pragas; 5 porque os seus pecados amontoáronse ata o ceo, e Deus lembrouse das súas inxustizas. 6 Pagádelle así como ela pagou, e devolvédelle dobre segundo as súas obras; na copa que ela preparou, preparade o dobre para ela. 7 Na medida na que ela se glorificou e viviu en luxuria, dádelle outro tanto de tormento e choro, porque di no seu corazón: estou sentada como raíña, e non son viúva, e nunca verei pranto. 8 Por iso, nun só día, virán as súas pragas: morte, pranto fame, e será consumida con lume; porque o Señor Deus que a xulgou, é poderoso. 9 E os reis da terra que cometeron actos de inmoralidade e viviron sensualmente con ela, chorarán e lamentarán por ela cando vexan o fume do seu incendio, 10 estando en pé de lonxe, por mor do temor do seu tormento, dirán: ai, ai, a grande cidade Babilonia, a cidade forte!, pois nunha hora chegou o teu xuízo. 11 Os comerciantes da terra choran e lamentan por ela, porque xa ninguén merca as súas mercadorías: 12 cargamentos de ouro, prata, pedras preciosas, perlas, liño fino, púrpura, seda e escarlata; toda clase de madeira olorosa e todo obxecto de marfil e todo obxecto feito de madeiras preciosas, bronce, ferro e mármore; 13 e de canela, especias aromáticas, incenso, perfume, mirra, viño, aceite de oliva; e de flor de fariña, trigo; de bestas, ovellas, cabalos, carros, de escravos e de almas de persoas. 14 O froito que tanto desexabas na túa alma, afastouse de ti, e tódalas cousas que eran exquisitas e espléndidas alonxáronse de ti, endexamais se atoparán. 15 Os comerciantes destas cousas, que enriqueceron a costa dela, deteranse ao lonxe por mor do temor do seu tormento, chorando e lamentando, 16 dicindo: ai, ai, a gran cidade que estaba vestida de liño fino, púrpura e escarlata, e enfeitada de ouro, pedras preciosas e perlas!, 17 porque nunha hora foi arrasada tanta riqueza. E tódolos capitáns, pasaxeiros e mariñeiros, e todos os que viven do mar, paráronse ao lonxe, 18 e vendo a fumareda do seu incendio berraban, dicindo: que cidade é semellante á gran cidade? 19 e botaron pó sobre as súas cabezas, e berraban, chorando e lamentando, dicindo: ai, ai, da gran cidade! todos os que tiñan naves no mar enriquecéronse a costa dela e nunha hora foi arrasada. 20 Énchete de ledicia sobre ela, o ceo, e tamén vós, os santos apóstolos e profetas, porque Deus pronunciou xuízo por vós en contra dela. 21 E un anxo poderoso colleu unha pedra, coma unha gran moa e lanzouna ao mar, dicindo: -Así, con violencia, será lanzada Babilonia, a cidade grande! Que endexamais se atopará. 22 E o son de arpistas, de músicos, de frautistas e de trompeteiros non se sentirá máis en ti; non se atope máis en ti artífice de oficio algún; ruído de muíño non se ha sentir máis en ti; 23 luz de lámpada non alumará máis en ti; e a voz do noivo e da noiva non se ha sentir máis en ti; porque os teus comerciantes eran os grandes da terra, pois tódalas nacións foron enganadas polas súas feitizarías. 24 E nela atopouse o sangue dos profetas, dos santos e de todos os que foran asasinados na terra.