Capítulo 17

1 E achegouse a falar comigo un dos sete anxos que tiñan as sete copas, dicindo: -Vén; mostraréiche o xuízo da gran rameira que está sentada sobre moitas augas; 2 os reis da terra cometeron actos inmorais con ela, e os habitantes da terra foron embebedados co viño da súa inmoralidade. 3 E levoume no espírito a un deserto; e vin a unha muller sentada sobre unha besta escarlata, chea de nomes blasfemos, e que tiña sete cabezas e dez cornos. 4 A muller estaba vestida de púrpura e escarlata, e enfeitada con ouro, pedras preciosas e perlas, e tiña na man unha copa de ouro chea de abominacións e das inmundicias da súa inmoralidade. 5 E na súa fronte estaba escrito un nome: Misterio: Babilonia a grande, nai das rameiras e das abominacións da terra. 6 E vin á muller bébeda do sangue dos santos, e do sangue das testemuñas de Xesús. E quedei pasmado mirando con gran asombro. 7 E díxome o anxo: -Por que quedaches abraiado? Eu direiche o misterio da muller e da besta que a leva, a que ten as sete cabezas e os dez cornos. 8 A besta que viches, era e non é, e está a piques de subir do abismo para ir cara a destrución. E os habitantes da terra, os que os seus nomes non se escribiron no libro da vida dende a fundación do mundo, quedarán abraiados ao vela besta que era e non é, e estará presente. 9 Aquí está a mente que ten sabedoría. As sete cabezas son sete montes sobre os que se senta a muller; 10 e son tamén sete reis; cinco caeron, un é, e o outro aínda non chegou; e cando veña, debe durar pouco. 11 E a besta que era e non é, é tamén o oitavo, e é dos sete, e vai á perdición. 12 E os dez cornos que viches son dez reis que aínda non recibiron reino, pero recibirán autoridade coma reis xunto coa besta por unha hora. 13 Teñen un mesmo propósito, e entregarán a súa autoridade e poder á besta. 14 Pelexarán contra o Año, e o Año venceraos, porque El é Señor de señores e Rei de reis, e os que están con El son chamados, escollidos e fieis. 15 E díxome: -As augas que viches onde senta a rameira, son pobos, multitudes, nacións e linguas. 16 E os dez cornos que viches e a besta, estes odiarán á rameira e deixarana arrasada e núa, e comerán as súas carnes e queimarana con lume; 17 porque Deus puxo nos seus corazóns facer o que El se propuxo, e facer que se poñan de acordo, e dean o seu reino á besta, ata que as palabras de Deus se cumpran. 18 E a muller que viches é aquela gran cidade, que ten dominio sobre os reis da terra.