Capítulo 15

1 Vin tamén no ceo outro sinal, grande e espantoso: sete anxos que tiñan sete pragas, as derradeiras, porque nelas é consumada a ira de Deus. 2 Vin tamén como un mar de cristal mesturado con lume, e os que saíran vitoriosos sobre a besta, sobre a súa imaxe e sobre o número do seu nome, en pé sobre o mar de cristal, con arpas de Deus. 3 E cantaban a cantiga de Moisés, servo de Deus, e a cantiga do Año, dicindo: -Grandes e marabillosas son as túas obras, oh Señor Todopoderoso! Xustos e verdadeiros son os teus camiños, oh Rei das nacións! 4 Oh Señor! Quen non temerá e glorificará o teu nome? Pois só ti es santo; porque tódalas nacións virán e adorarán diante de ti, pois os teus xuízos foron manifestos. 5 Logo disto mirei e abriuse o templo do tabernáculo do testemuño no ceo, 6 e saíron do templo os sete anxos que tiñan as sete pragas, vestidos de liño puro e resplandecente, e cinguidos arredor do peito con cintos de ouro. 7 Entón un dos catro seres vivintes deu aos sete anxos sete copas de ouro cheas da ira de Deus, quen vive polos séculos dos séculos. 8 E encheuse o templo co fume da gloria de Deus e do seu poder, e ninguén podía entrar no templo ata que remataran as sete pragas dos sete anxos.