1
Mirei, e velaí o Año en pé sobre o o Monte de Sión, e canda el cento corenta e catro mil que tiñan o seu nome e o nome do seu Pai escrito na fronte.
2
E escoitei unha voz do ceo, coma murmurio de moitas augas e coma o son dun gran estrondo, e a voz era como o son de arpistas tocando nas súas arpas.
3
E cantaban unha nova cantiga diante do trono e diante dos catro seres viventes e dos anciáns; e ninguén podía aprender a cantiga, agás os cento corenta e catro mil que foran rescatados da terra.
4
Estes son os que non se contaminaron con mulleres, porque son virxes. Estes son os que seguen ao Año onde queira que vai. Estes foron mercados de entre os homes como primicias para Deus e para o Año.
5
Na súa boca non se atopou engano; están sen mancha.
6
E vin a outro anxo voando no medio do ceo que tiña un evanxeo eterno para pregoalo aos que moran na terra, é dicir, sobre toda nación, tribo, lingua e pobo,
7
dicindo en alta voz: -Temede a Deus e dádelle gloria, porque chegou a hora do seu xuízo; adorade ao que fixo o ceo e a terra, o mar e as fontes das augas.
8
E outro anxo, o segundo, seguiu dicindo: -Caeu, caeu Babilonia a grande, a que fixo beber a tódalas nacións do viño velenoso da súa fornicación.
9
E outro anxo, o terceiro, seguiunos, dicindo con gran voz: -Se algún adora á besta e á súa imaxe, e recibe a súa marca na súa fronte ou na súa man,
10
el tamén beberá do viño do furor de Deus, vertido puro na copa da súa ira, e será atormentado con lume e xofre á vista dos santos anxos e á vista do Año.
11
E o fume do seu tormento sobe polos séculos dos séculos, e non teñen repouso nin de día nin de noite, os que adoran á besta e á súa imaxe, e calquera que recibe a marca do seu nome.
12
Aquí está a perseveranza dos santos que gardan os mandamentos de Deus e a fe de Xesús.
13
E escoitei unha voz do ceo que dicía: -Escribe: ditosos os mortos que morran no Señor de aquí en diante! Si, di o Espírito, para que descansen dos seus traballos porque as súas obras os acompañan.
14
E mirei e velaí unha nube branca, e sobre a nube sentado un semellante ao Fillo do Home que tiña na cabeza unha coroa de ouro, e na man un fouciño afiado.
15
E saíu do santuario outro anxo proferindo a gran voz ao que está sentado na nube: -Manda o teu fouciño e sega, porque chegou a hora de segar, pois o gran da terra está maduro.
16
E o que estaba sentado sobre a nube, lanzou o seu fouciño á terra, e a terra foi segada.
17
E saíu outro anxo que estaba no santuario que está no ceo, tamén cun fouciño afiado.
18
E de carón ao altar saíu outro anxo que ten poder sobre o lume e berroulle ao que tiña o fouciño afiado, dicindo: -Mete o fouciño afiado na terra e vendima os acios da vide da terra, porque as súas uvas están maduras.
19
E o anxo meteu o fouciño na terra e vendimou os acios da vide da terra, e botou as uvas no gran lagar da ira de Deus.
20
E o lagar foi pisado fóra da cidade, e do lagar saíu sangue ata os freos dos cabalos, nunha extensión como de mil seiscentos estadios.