Capítulo 9

1 A sabedoría edificou a súa casa, labrou as súas sete columnas; 2 preparou o seu alimento, mesturou o seu viño, puxo tamén a súa mesa; 3 mandou as súas servas a pregoalo por tódalas partes da cidade; 4 O simple que veña aquí! Quero falarlle a quen non ten entendemento: 5 Vinde, comede dos meus manxares, e bebede do viño que mesturei! 6 Deixade a tolería e viviredes, e andade polo camiño da intelixencia! 7 O que corrixe o cínico, atrae sobre si mesmo insultos, e o que reprende o malvado é desprezado. 8 Non reprendas o escarnecedor, para que non te aborreza; reprende o sabio, e el ha te amar. 9 Dá instrución ao sabio, e será aínda máis sabio, ensina ao xusto, e aumentará o seu coñecemento. 10 O principio da sabedoría é o temor de Iahveh, e o coñecemento do Santo é a intelixencia. 11 Pois por min multiplicaranse os teus días, e anos de vida seranche engadidos. 12 Se ti es un sabio, es sabio para proveito teu, e se es un escarnecedor, só ti o sufrirás. 13 A muller necia é alborotadora, é simple e non sabe o que é avergoñarse. 14 Senta á porta da súa casa, ou nun asento nos lugares altos da cidade, 15 chamando aos que pasan, aos que van dereitos polos seus vieiros: 16 Todos os simples, vinde onda min! E dille aos incautos: 17 A auga roubada é mais doce!, O pan comido en segredo sabe mellor! 18 Pero el non sabe que na súa casa moran as sombras, que os seus convidados están nas profundidades do Sheol.