1 Proverbios de Salomón. O fillo sabio alegra a seu pai, e o fillo necio é tristura para a súa nai. 2 Os tesouros mal adquiridos non aproveitan, pero a xustiza libra da morte. 3 Iahveh non permitirá que o xusto padeza de fame, pero impedirá que se sacie a avaricia dos malvados. 4 O que traballa coas mans neglixentes empobrece, pero a man dos dilixentes enriquece. 5 O que recolle no verán é un fillo sabio, o que durme durante a colleita é un fillo que avergoña. 6 Hai bendicións sobre a cabeza do xusto, pero a boca dos malvados oculta violencia. 7 A memoria do xusto será bendita, pero o nome dos malvados ha se apodrentar. 8 O sabio de corazón acepta os mandamentos, pero o insensato de beizos será derrubado. 9 O que anda en integridade anda seguro, pero o que pervirte os seus camiños será descuberto. 10 O que chisca o ollo causa tristura, e o necio charlatán será castigado. 11 A boca do xusto é manancial de vida, pero a boca dos malvados encubre violencia. 12 O odio provoca liortas, pero o amor cubre tódalas ofensas. 13 Nos beizos do entendido atópase sabedoría, pero a vara é para as costas do insensato. 14 Os sabios atesouran o coñecemento, pero a boca do necio é calamidade próxima. 15 A riqueza do rico é a súa fortaleza, a ruína dos pobres é a súa pobreza. 16 O xornal do xusto é vida, a ganancia do malvado, castigo. 17 O que acepta a instrución vai polo vieiro da vida, pero o que despreza a reprensión erra. 18 Os beizos rectos aplacan o odio, mais o que espalla a calumnia é un necio. 19 Nas moitas palabras, a transgresión é inevitable, pero o que refrea os seus beizos é prudente. 20 A lingua do xusto é prata escollida, pero o corazón dos malvados é pouca cousa. 21 Os beizos do xusto apacentan a moitos, pero os necios morren por falta de entendemento. 22 A bendición de Iahveh é a que enriquece, e El non engade tristura con ela. 23 Quen é necio divírtese facendo trampas, a persoa prudente, coa sabedoría. 24 O que o malvado teme virá sobre el, e o desexo dos xustos seralles concedido. 25 Cando pasa a tormenta, o malvado desaparece, pero o xusto ten fundamento eterno. 26 Coma o vinagre aos dentes e o fume aos ollos, así é o preguiceiro para os que o envían. 27 O temor de Iahveh multiplica os días, pero os anos dos malvados serán acurtados. 28 A esperanza dos xustos é ledicia, pero a expectación dos malvados perecerá. 29 Fortaleza para o íntegro é o camiño de Iahveh, pero ruína para os que fan o mal. 30 O xusto nunca será removido, mais os malvados non habitarán na terra. 31 Da boca do xusto brota a sabedoría, pero a lingua perversa será cortada. 32 Os beizos do xusto dan a coñecer o que é agradable, pero a boca dos malvados, o que é perverso.