Capítulo 8

1 Non clama a sabedoría, e levanta a súa voz a intelixencia? 2 No cumio das alturas, xunto o camiño, onde se cruzan os vieiros, é alí que se coloca, 3 xunto ás portas, á entrada da cidade, á entrada das portas, dá voces: 4 Escoitade todos, a vós clamo, para os fillos de Adán é a miña voz. 5 Vós os simples, aprendede prudencia; e vós, os necios, sede de corazón intelixente. 6 Escoitade, porque falarei cousas excelentes, e hei abrir os meus beizos para falar cousas rectas. 7 A miña boca falará verdades, porque a maldade é abominación para os meus beizos. 8 Conforme á xustiza son tódalas palabras da miña boca, non hai nelas nada torto nin perverso. 9 Todas son claras para o que as entende, e rectas para os que atopan coñecemento. 10 Recibide a miña instrución e non a prata, e o coñecemento antes que o ouro fino; 11 porque a sabedoría é mellor que as perlas, e tódalas cousas desexables non se poden comparar con ela. 12 Eu, a sabedoría, vivo coa prudencia, e atopo o coñecemento e a discreción. 13 O temor de Iahveh é aborrecer o mal. Eu aborrezo o orgullo, a arrogancia, o mal camiño e a boca perversa. 14 Meu é o consello e a intuición, miña é a intelixencia e a fortaleza. 15 Por min reinan os reis, e os gobernantes administran a xustiza. 16 Por min gobernan os príncipes, e os nobres que xulgan con xustiza. 17 Eu amo os que me aman, e os que dende cedo me buscan, hanme atopar. 18 Comigo están as riquezas e a honra. Si, a fortuna e a xustiza que perdura! 19 O meu froito é mellor que o ouro, que o ouro puro, e a miña ganancia é mellor que a prata escollida. 20 Eu fago andar no camiño da xustiza, polo medio dos vieiros do dereito, 21 para dar herdanza aos que me aman e así encher os seus tesouros. 22 Iahveh posuíume no principio, antes das súas obras dos tempos pasados. 23 Dende a eternidade fun establecida, dende o principio, antes das orixes da terra. 24 Cando non había abismo fun enxendrada, cando non había mananciais abundantes nas augas. 25 Antes que os montes foran asentados, antes dos outeiros, eu fun enxendrada, 26 cando El non fixera aínda a terra nin os campos, nin o primeiro pó do mundo. 27 Cando estableceu os ceos, alí estaba Eu; cando trazou un círculo sobre a face do abismo, 28 cando afirmou os ceos no alto, cando afirmou as fontes do abismo, 29 cando puxo os seus límites ao mar para que as augas non transgrediran o seu mandamento, cando estableceu os alicerces da terra, 30 Eu estaba ao seu carón como arquitecto, e era a súa ledicia día tras día, alegrándome todo o tempo na súa presenza, 31 xogando na parte habitada da terra, e tendo as miñas delicias cos fillos dos homes. 32 Agora pois, fillos, escoitádeme, porque felices son os que gardan os meus camiños. 33 Escoitade o consello e sede sabios, e non a desprecedes. 34 Que feliz é a persoa que me escoita, velando ás miñas portas día a día, agardando á porta das miñas entradas! 35 Porque o que me atopa, atopa a vida, e alcanza o favor de Iahveh. 36 Pero o que peca contra min, defrauda a súa propia alma; todos os que me aborrecen, aman a morte.