Capítulo 7

1 Meu fillo, garda as miñas palabras, e atesoura os meus mandamentos dentro de ti. 2 Garda os meus mandamentos e vivirás! Si! Garda a miña ensinanza coma a nena dos teus ollos! 3 Átaos aos teus dedos, escríbeos na táboa do teu corazón. 4 Di á sabedoría: ti es a miña irmá, e chama á intelixencia a túa mellor amiga, 5 para que te protexan da muller estraña, da descoñecida que te adula coas súas palabras. 6 Porque dende a fiestra da miña casa miraba polas celosías, 7 mirei entre os simples, e distinguín entre os raparigos un mozo sen xuízo, 8 pasando pola rúa preto da súa esquina; ía camiño da súa casa, 9 á tardiña, cando xa escurecía, no medio da noite e das tebras. 10 E velaquí, unha muller sae ao seu encontro, vestida coma unha prostituta e astuta de corazón, 11 alborotadora e desenfreada, os seus pés non saben quedar na casa; 12 unhas veces nas rúas, outras nas prazas, e axexa por tódalas esquinas. 13 Agárrase a el e bícao, e dille ben descarada: 14 prometín ofrendas de paz, e hoxe cumprín os meus votos; 15 por iso saín a atoparte, ansiosa por verte, e atopeite. 16 Estendín a miña cama con fermosas colchas, con liños de Exipto de cores; 17 perfumei a miña cama con mirra, áloes e canela. 18 Vén, embebedamos dos amores ata a mañá, deleitémonos con caricias. 19 Porque o meu marido non está na casa, foise a unha longa viaxe; 20 levou na man a bolsa dos cartos, volverá a casa para a lúa chea. 21 Atráeo coas súas palabras persuasoras, sedúceo cos seus beizos aduladores. 22 El axiña vai tras ela, como vai o boi ao matadoiro, ou coma un cervo que se enredou no lazo, 23 coma ave que se precitipa na rede, sen saber que iso lle costará a vida. Ata que unha frecha lle atravese o fígado. 24 Agora pois, meus fillos, escoitádeme, e prestade atención ás palabras da miña boca. 25 Non deixes ir o teu corazón cara os seus camiños, non te extravíes nos seus vieiros. 26 Porque moitas son as vítimas feridas por ela, e aínda matou ela os máis fortes. 27 A súa casa é o camiño ao Sheol, que baixa ás cámaras da morte.