Capítulo 6

1 Meu fillo, se saíches por fiador do teu próximo, se deches promesa a un estraño, 2 se te enredaches coas palabras da túa boca, se fuches atrapado coas palabras da túa boca, 3 fai agora isto, meu fillo, e líbrate, xa que caíches na man do teu próximo: vai, humíllate e amólate co teu próximo; 4 non deas sono aos teus ollos nin adormecemento ás túas pálpebras. 5 Líbrate coma a gacela da man do cazador, e coma a ave da man do que caza. 6 Vai e observa a formiga, preguiceiro, observa os seus camiños, e sé sabio. 7 A que sen ter xefe, nin gobernador nin señor, 8 prepara no verán o seu alimento, e recolle na colleita o seu sustento. 9 Ata cando, preguiceiro, estarás durmido? Cando te levantarás do teu sono? 10 Un pouco de sono, un pouco de durmir, un pouco de cruzar as mans para descansar, 11 e virá coma un vagabundo a túa pobreza, e a túa necesidade coma un home armado. 12 A persoa indigna, o home inicuo, é o que anda con boca perversa, 13 o que chisca os ollos, o que fai acenos cos pés, sinalando cos dedos, 14 o que con perversidade no seu corazón, continúa maquinando o mal, e que sementa discusión constantemente. 15 Por iso a súa desgraza virá de súpeto; nun instante será quebrantado, e non haberá remedio. 16 Hai seis cousas que Iahveh aborrece, e sete que son abominacións para El: 17 os ollos soberbios, a lingua mentireira, as mans que verten sangue inocente, 18 un corazón que maquina plans perversos, os pés que corren axiña cara o mal, 19 a testemuña falsa que fala mentiras, e o que sementa discusión entre irmáns. 20 Meu fillo, garda o mandamento do teu pai, e non abandones o ensino da túa nai; 21 átaos de continuo no teu corazón, enlázaos ao teu pescozo. 22 Cando camiñes, guiarante; cando descanses, velarán por ti; e ao espertar, falarán contigo. 23 Porque o mandamento é lámpada, e o ensino é luz, e camiño de vida a reprensión da instrución, 24 para librarte da muller mala, da lingua suave da descoñecida. 25 Non cobices a súa fermosura no teu corazón, nin deixes que te cative coas súas miradas. 26 Porque se a prostituta vai na procura dun anaco de pan, a adúltera anda á caza dunha vida preciosa. 27 Pode alguén coller lume no seu seo sen que arda a súa roupa? 28 Ou pode unha persoa camiñar sobre as brasas sen queimar os pés? 29 Así é o que se achega á muller do seu próximo; calquera que a toque non quedará sen castigo. 30 Non se despreza o ladrón se rouba para saciarse cando ten fame; 31 pero cando é sorprendido, ten que pagar sete veces; e entegar todos os bens da súa casa? 32 Pois o que comete adulterio non ten entendemento; o que o fai destrúe a súa alma. 33 Atopará feridas e vergoña, e a súa vergoña non será borrada. 34 Porque os celos enfurecen o home, e non perdoará no día da vinganza. 35 Non aceptará ningún rescate, nin se dará por satisfeito aínda que lle deas moitos presentes.