1 As palabras de Agur, fillo de Iacé, o de Masá. Oráculo do varón: Deus, en gran maneira fatigueime e desistín! 2 De certo, eu son o máis torpe de todos os seres humanos, e non teño intelixencia, 3 non aprendín sabedoría, nin teño coñecemento do Santo. 4 Quen subiu ao ceo e descendeu? Quen recolleu os ventos nas súas mans? Quen envolveu as augas no seu manto? Quen estableceu todos os confíns da terra? Cal é o seu nome ou o nome do seu Fillo, se o sabes? 5 Toda palabra de Deus é limpa; El é escudo para os que o agardan. 6 Non engadas ás súas palabras, non sexa que El te reprenda e sexas atopado mentireiro. 7 Pedinche dúas cousas, non mas negues mentres viva: 8 Afasta de min a falsedade e a mentira, e non me deas pobreza nin riqueza; dáme a comer só o pan que preciso, 9 non sexa que me farte e te negue, e diga: quen é Iahveh? Ou que sexa pobre e roube, e profane o nome do meu Deus. 10 Non acuses o servo diante do seu señor, non sexa que te acuse e sexas considerado culpable. 11 Hai xente que maldí o seu pai e non bendice a súa nai; 12 Hai quen se ten por puro, mais non está limpo da súa inmundicia; 13 Hai quen mira cos ollos altivos, e alza as súas pálpebras dun xeito arrogante, 14 Hai quen ten dentes coma espadas, e as súas moas coma coitelos, para devorar os pobres da terra, e os necesitados de entre a xente. 15 A samesuga ten dúas fillas, que din: Dáme! Dáme! Hai tres cousas que non se sacian, e unha cuarta que non di: xa abonda! 16 O Sheol, a matriz estéril, a terra que nunca se farta de auga, e o lume que nunca di: xa abonda! 17 Ao ollo que se burla do pai, e aldraxa á súa nai, os corvos do val hano sacar, e os fillos do voitre devorarano. 18 Hai tres cousas que son incomprensibles para min, e unha cuarta que non entendo: 19 o camiño da aguia no ceo, o camiño da serpe sobre a rocha, o camiño do barco no medio do mar, e o camiño do home na doncela. 20 Así procede a muller adúltera: come, limpa a súa boca, e di: non fixen nada malo. 21 Por tres cousas treme a terra, e por unha cuarta non pode soportar: 22 polo escravo cando chega a ser rei, polo necio cando se farta de pan, 23 pola muller aborrecida cando se casa, e pola serva cando despraza á súa señora. 24 Catro cousas son pequenas na terra, pero máis sabias que os sabios: 25 as formigas, pobo sen forza, que preparan o seu alimento no verán; 26 os coellos, pobo sen poder, que fan o tobo na rocha; 27 as lagostas, que non teñen rei, pero todas saen en escuadróns; 28 e o lagarto, que se pode agarrar coas mans, pero está nos pazos dos reis. 29 Hai tres cousas maxestuosas no seu andar, e unha cuarta de camiñar elegante: 30 o león, o máis valente entre os animais, que non recúa diante de ninguna cousa; 31 o cabalo, que se pasea erguido, así mesmo o chibo, e o rei, contra el ninguén se levanta. 32 Se fuches necio ao envaidecerte, ou se maquinaches o mal, pon a man sobre a túa boca; 33 Porque do mesmo xeito que batendo o leite sácase a manteiga, e apretando o nariz sae sangue, provocando a ira aparece a disputa.