Capítulo 28

1 O malvado foxe sen que ninguén o persiga, pero os xustos están confiados coma un león. 2 Pola rebelión da terra moitos son os seus príncipes; pero polo home entendido e sabio permanece estable. 3 O pobre que oprime os indixentes é coma choiva torrencial que non deixa pan. 4 Os que abandonan a lei louvan os malvados, pero os que gardan a lei loitan contra eles. 5 As persoas malvadas non entenden de xustiza, pero os que buscan a Iahveh enténdeno todo. 6 Mellor é o pobre que anda na súa integridade, que o rico de vieiros tortuosos. 7 O que garda a lei é prudente, pero o que é compañeiro de lambóns avergoña a seu pai. 8 O que aumenta a súa riqueza con intereses e usura, recóllea para o que se compadece dos pobres. 9 O que afasta os seus ouvidos para non escoitar a lei, a súa oración tamén é abominación. 10 O que desencamiña os rectos polo mal camiño, na súa propia fosa caerá; pero os integros herdarán o ben. 11 O rico é sabio aos seus propios ollos, pero o pobre que é intelixente, examínao a fondo. 12 Cando os xustos triunfan, grande é a gloria, pero cando os malvados se levantan, escóndes a xente. 13 O que encobre os seus pecados non prosperará, pero o que os confesa e os abandona atopará misericordia. 14 Que ditoso é o home que sempre teme! Pero o que endurece o seu corazón caerá na desgraza. 15 Coma un león ruxindo e un oso famento é o gobernante perverso sobre o pobo pobre. 16 O príncipe imprudente oprime a moitos, mais o que aborrece a avaricia, alargará os seus días. 17 O home cargado coa culpa de homicidio, fuxitivo será ata a morte; ninguén o poderá deter! 18 O que anda en integridade será salvo, pero o que é de camiño perverso caerá de súpeto. 19 O que labra a súa terra hase saciar de pan, pero o que vai detrás de vaidades ha fartar de pobreza. 20 A persoa fiel abundará en bendicións, pero a que se apura a enriquecer non quedará sen castigo. 21 Facer distinción entre as persoas non é bo, pois, ata por un anaco de pan pódese pecar! 22 A persoa avara corre tras da riqueza, e non sabe que a miseria virá sobre ela. 23 O que reprende a outro será máis estimado, que aquel que adula coa lingua. 24 O que rouba a seu pai ou a súa nai e di: non é pecado, é compañeiro do Destrutor. 25 Quen é arrogante provoca liortas, pero o que confía en Iahveh prosperará. 26 O que confía no seu propio corazón é un necio, pero o que anda con sabedoría será librado. 27 O que dá ao pobre non pasará necesidade, pero o que fecha os seus ollos terá moitas maldicións. 28 Cando os malvados se erguen, a xente agáchase; pero cando perecen, os xustos multiplícanse.