1 Mellor é o pobre que anda na súa integridade que o rico de beizos perversos e ncio á vez. 2 De nada vale ser quen de facer algo sen pensar: o que se apresura cos pés peca. 3 A tolemia de cadaquén pervirte o seu camiño, e despois o seu corazón irrítase contra Iahveh. 4 Canto máis rico máis amigos tes, pero o pobre é abandonado ata polo seu amigo. 5 A testemuña falsa non quedará sen castigo, e o que conta mentiras non fuxirá. 6 Moitos buscan o favor do xeneroso, e todos son amigos daquel que dá. 7 Todos os irmáns do pobre aborréceno, canto máis se afastarán del os seus amigos! Perségueos coas súas ladaíñas, pero xa marcharon. 8 O que acada cordura ama a súa alma; o que garda a prudencia atopará o ben. 9 A testemuña falsa non quedará sen castigo, e o que dá alentó ás mentiras perecerá. 10 Ao necio non lle convén vivir a todo luxo; moito menos a un servo gobernar os príncipes! 11 A discreción dunha persoa detén a súa ira, e a súa gloria é pasar por alto unha ofensa. 12 A ira do rei é coma o ruxido do león, e o seu favor coma o orballo sobre a herba. 13 O fillo necio é unha desgraza para o seu pai, e unha pingueira continua as liortas dunha muller. 14 Casa e riquezas son herdanza dos pais, pero a muller prudente vén de Iahveh. 15 A preguiza fai caer en sono profundo, e a alma ociosa pasará fame. 16 O que garda o mandamento garda a súa vida, pero o que menospreza os seus camiños morrerá. 17 Aquel que dá ao pobre préstalle a Iahveh, e El devolverallo. 18 Corrixe a teu fillo mentres hai esperanza, pero non desexes na túa alma causarlle a morte. 19 A persoa de grande ira sufrirá o castigo, e o que se poña polo medio, será castigado tamén. 20 Escoita o consello e acepta a corrección, para que chegues a ser sabio. 21 Moitos son os plans no corazón do home, pero o consello de Iahveh permanecerá. 22 O que todos aprecian é a lealdade, e é mellor ser pobre que falso. 23 O temor de Iahveh leva á vida, o que o ten ha vivir satisfeito, e non será visitado polo mal. 24 O preguiceiro mete a súa man no prato, pero ata se cansa só de levala á boca. 25 Dádelle unha labazada ao escarnador e o simple farase prudente. Corrixe o intelixente e aumentará o seu saber. 26 O que rouba a seu pai e bota fóra a súa nai é un fillo que trae vergoña e deshonra. 27 Deixa, meu fillo, de escoitar consellos que están a desviarte das palabras da sabedoría. 28 A testemuña perversa búrlase da xustiza, e a boca dos malvados engulipa a iniquidade. 29 Hai castigos axeitados para os burlóns, e azoutes para as costas dos necios.