1 O viño alenta as leas, alborotador é o licor, e calquera que cambalea por mor deles non é sabio. 2 Coma ruxido de león é o terror do rei; o que o provoca a súa ira pon en risco a súa vida. 3 Hai honra en eludir a contenda, pero todo necio enredará nela. 4 No outono, o preguiceiro non ara, rebuscará na colleita, pero non atopará nada. 5 O consello no corazón dunha persoa é coma as augas profundas, quen ten entendemento poderá sacalo. 6 Moitas persoas proclaman a súa bondade, pero alguén de fiar, quen poderá atopalo? 7 Quen é xusto e camiña na súa integridade, deixa fillos ditosos tras del. 8 O rei que senta sobre o tribunal, disipa cos seus ollos todo mal. 9 Quen pode dicir: teño a concencia pura, estou limpo do meu pecado? 10 Pesos e medidas falsas, as dúas cousas son abominación para Iahveh. 11 Xa cos seus feitos o neno dá a coñecer se a súa conduta será limpa e recta. 12 O ouvido que escoita e o ollo que ve, os dous os fixo Iahveh. 13 Non te afecciones a durmir, non sexa que empobrezas. Abre os teus ollos e haste saciar de pan. 14 Caro e malo! Di o comprador, pero cando marcha, entón gábase. 15 Hai ouro e moreas de perlas, pero a xoia máis preciosa son os beizos sabios. 16 Toma a roupa do que sae fiador do estranxeiro; e tómaa en prenda como garantía polos forasteiros. 17 O pan obtido con falsidade semella ser doce, mais cando enche a boca, hase converter en cascallo. 18 Os plans prepáranse con consellos, e coa dirección sabia faise a guerra. 19 O que descobre os segredos levanta calumnias, non te xuntes, pois, con aqueles que abren moito a boca. 20 O que insulte a seu pai ou a súa nai, a súa lámpada apagaráselle no medio das tebras. 21 A herdanza adquirida de présa no principio, ao final non será bendita. 22 Non digas: heime vingar; agarda en Iahveh, e El hate salvar. 23 As pesas desiguais son abominación para Iahveh, e unha balanza falsa non é boa. 24 De Iahveh son ordenados os pasos de cada un, como pode, pois, alguén entender o seu camiño? 25 É unha trampa para unha persoa facer votos dun xeito apresurado: e despois de prometer, pararse a pensar. 26 O rei sabio bota fóra os malvados, e fai pasar a roda de trillar sobre eles. 27 Lámpada de Iahveh é o espírito de cada persoa, escudriña ata o máis profundo do seu ser. 28 A lealdade e a verdade gardan o rei, e pola clemencia sustenta o seu trono. 29 A gloria dos mozos é a súa forza, e a honra dos anciáns, as súas canas. 30 As feridas e as chagas limpan o mal, e os golpes chegan ao máis profundo do corazón.