Capítulo 12

1 Quen ama a instrución ama o coñecemento, pero o que odia a reprensión é necio. 2 O bo alcanzará o favor de Iahveh, pero El condenará o home de malos propósitos. 3 As persoas non se afirmarán por medio da impiedade, mais a raíz dos xustos non será removida. 4 A muller virtuosa é coroa do seu marido, pero a que o avergoña é coma caruncho nos seus ósos. 5 Os pensamentos dos xustos son rectos, pero os consellos dos malvados, enganosos. 6 As palabras dos malvados son emboscadas sanguentas, pero aos rectos a súa boca libraraos. 7 Os malvados son derrubados e xa non existen, pero a casa dos xustos permanecerá. 8 Unha persoa será louvada de acordo á súa sabedoría, pero quen é perverso de corazón será desprezado. 9 Máis vale o que é pouco apreciado pero ten un servo, que o que se louva e ten falta de pan. 10 O xusto preocúpase pola vida do seu gando, pero aínda as compaixóns dos malvados son crueis. 11 O que labra a súa terra saciarase de pan, pero o que persegue o inútil non ten entendemento. 12 O malvado cobiza o botín dos malos, pero a raíz dos xustos dá froito. 13 Enguedéllase o malvado na falsidade dos seus beizos, pero o xusto librarase dos apuros. 14 Cadaquén será saciado polo froito da súa boca, e as obras das mans de cada un volverán a el. 15 O camiño do necio é recto aos seus propios ollos, pero o que escoita consellos é sabio. 16 A ira do necio maniféstase no momento, pero o prudente pasa por alto a deshonra. 17 O que fala a verdade declara o que é xusto, pero a testemuña falsa, fala mentira. 18 Hai quen usa as palabras coma estocadas, mais a lingua dos sabios é menciña. 19 Os beizos verdadeiros permanecen para sempre, pero a lingua mentireira, só por un momento. 20 Hai engano no corazón dos que maquinan o mal, mais para os que aconsellan paz hai ledicia. 21 Ningún mal é desexado polos xustos, pero os malvados están cheos do mal. 22 Os beizos mentireiros son abominación para Iahveh, pero os que actúan fielmente son o seu deleite. 23 Unha persoa prudente oculta o seu coñecemento, pero o corazón dos necios proclama a súa tolería. 24 A man dos dilixentes gobernará, pero o indolente será suxeito a traballos forzados. 25 A ansiedade no corazón de unha persoa oprímea, pero a boa palabra faina alegrarse. 26 O xusto é guía para o seu próximo, pero o camiño dos malvados desencamíñaos. 27 O indolente nin sequera asa a súa presa! A posesión máis preciosa dunha persoa é a dilixencia! 28 No vieiro da xustiza está a vida, e no seu camiño non hai morte.