1
Polo demais, meus irmáns, estade alegres no Señor. A min non me molesta volvervos escribir o mesmo, e para vós é cuestión de seguridade.
2
Coidádevos dos cans, coidádevos dos malos obreiros, coidádevos da falsa circuncisión;
3
porque a verdadeira circuncisión somos nós, os que adoramos polo Espírito de Deus dando gloria a Cristo Xesús, e non confiando nas propias forzas,
4
aínda que eu ben podería confiar nelas. Se alguén pensa que ten motivos para confiar nas propias forzas, eu moito máis:
5
circuncidado no día oitavo, da liñaxe de Israel, da tribo de Benxamín, hebreo de hebreos; en canto á lei, un fariseo;
6
en canto ao celo, perseguidor da igrexa; en canto á xustiza da lei, irreprensible.
7
Pero todo canto para min era de proveito e ganancia, considéroo coma unha perda, por amor a Cristo.
8
E aínda máis, considero tódalas cousas como unha perda tendo en conta o insuperable valor de coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor, por quen perdín todo iso, e considéroo como lixo para gañar a Cristo,
9
e atoparme nel, non coa miña propia xustiza que procede da lei, senón a que é a través da fe en Cristo, a xustiza que vén de Deus pola fe;
10
para coñecelo a El, e o poder da súa resurrección e a participación nos seus sufrimentos; chegando a ser coma El na súa morte,
11
se dalgunha maneira puidera chegar á resurrección de entre os mortos.
12
Non é que xa teña conseguido todo isto nin que xa me fixera perfecto, senón que sigo adiante agardando acadar aquilo para o que tamén fun aferrado por Cristo Xesús.
13
Irmáns, eu mesmo non considero que a alcanzara; pero fago unha cousa: esquecendo o que quedou atrás e estendéndome ao que está por diante,
14
prosigo cara a meta para conseguir o premio do máis alto chamado de Deus en Cristo Xesús.
15
Porén, todos os que somos maduros espiritualmente, teñamos esta mesma actitude; e se nalgún punto pensades doutro xeito, iso tamén vos será revelado por Deus;
16
pero naquilo que teñamos chegado, sigamos na mesma liña.
17
Irmáns, imitádeme a min, e observade os que andan segundo o exemplo que tedes en nós.
18
Porque como vos dixen a miúdo, e agora vos repito ata chorando, moitos andan como inimigos da cruz de Cristo.
19
O seu fin é a destrución, o seu deus é o seu apetito e a súa gloria está na súa vergoña. Só pensan nas cousas terreais.
20
Pero a nosa cidadanía está no ceo, de onde tamén agardamos ansiosamente o Salvador, o Señor Xesús Cristo.
21
El ha transformar o noso corpo miserable para asemellalo ao seu corpo glorioso, polo exercicio do poder con que somete a si mesmo tódalas cousas.