1
Así que, meus irmáns, amados e desexados, gozo e coroa miña, estade así firmes no Señor, meus amados.
2
Rogo a Evodia e a Síntique que sexan do mesmo sentir no Señor.
3
Tamén che pido a ti, fiel compañeiro, que as axudes xa que compartiron as miñas loitas por mor do evanxeo, xunto con Clemente e os demais colaboradores meus, que teñen os seus nomes no libro da vida.
4
Alegrádevos no Señor sempre. Repítovolo: Alegrádevos!
5
Que todas as persoas saiban da vosa bondade. O Señor está preto.
6
Por nada esteades anguriados; senón mais ben, dade a coñecer as vosas peticións diante de Deus mediante oración e súplica con acción de grazas en todo.
7
E a paz de Deus, que supera todo entendemento, gardará os vosos corazóns e as vosas mentes en Cristo Xesús.
8
Polo demais, irmáns, todo o que é verdadeiro, todo o honesto, todo o xusto, todo o puro, todo o amable, todo o que sexa de bo nome, se hai algunha virtude ou algo que merece gabanza, nisto pensade.
9
Practicade o que aprendestes e recibistes e escoitastes e vistes en min, e o Deus de paz estará convosco.
10
Moito me alegrei no Señor de que por fin reavivastes o voso interese por min, que xa o tiñades mais faltábavos a oportunidade de demostralo.
11
Non o digo porque teña necesidade, xa que aprendín a estar satisfeito co que teño.
12
Sei vivir na pobreza e sei vivir na prosperidade, en todo e por todo aprendín tanto a estar farto como a pasar fame, a ter dabondo como a padecer necesidade, en todo aprendín o segredo:
13
para todo teño forza naquel que me da o poder!
14
Con todo, fixestes ben en compartir comigo na miña aflición.
15
E vós mesmos, filipenses, tamén sabedes que ao comezo do evanxeo, despois que saín de Macedonia, ningunha igrexa compartiu comigo no tocante a dar e recibir, senón só vós;
16
porque tamén a Tesalónica enviastes máis dunha vez para as miñas necesidades.
17
Non é que ande atrás do que me dades, senón que procuro froito que abunde na vosa conta.
18
Deste xeito recibín todo e teño de todo con fartura; tendo recibido de Epafrodito o que me enviastes, estou fornecido: recendo agradable, sacrificio aceptable, que prace a Deus.
19
Meu Deus cubrirá tódalas vosas necesidades, conforme a súa riqueza en gloria en Cristo Xesús.
20
Gloria sexa o noso Deus e Pai por sempre. Amén.
21
Saudade a todos os santos en Cristo Xesús. Saúdanvos os irmáns que están comigo.
22
Todos os santos vos saudan, especialmente os da casa de César.
23
A graza do Señor Xesús Cristo sexa co voso espírito.