Capítulo 3

1 Eu son o home que viu a aflición baixo a vara do seu furor. 2 El levoume e fíxome camiñar en tebras e non en luz. 3 Certamente contra min volveuse e volveu a súa man todo o día. 4 Fixo que se consumiran a miña carne e a miña pel, quebrantou os meus ósos. 5 Ergueuse contra min e rodeoume de amargura e tristura. 6 En lugares escurecidos fíxome morar, coma os que morreron hai tempo. 7 Cercoume e non podo saír, fixo pesadas as miñas cadeas. 8 Aínda cando clamo e pido axuda, El fecha o paso á miña oración. 9 Pechou os meus camiños con pedras labradas, fixo tortos os meus vieiros. 10 El é para min coma oso ameazante, coma león agachado. 11 Desviou os meus camiños e esnaquizoume, deixoume desolado. 12 Entesou o seu arco e púxome como branco das frechas. 13 Fixo que penetraran nas miñas tripas as frechas da súa alxaba. 14 Cheguei a ser o escarnio de todo o meu pobo, a súa burla día tras día. 15 El encheume de amargura, embebedoume con xoio. 16 Esmagou cos pedrizos os meus dentes, fixo que me revolvera no pó. 17 E a miña alma foi privada da paz, esquecín a felicidade. 18 E dixen: pereceu o meu vigor, e a miña confianza no Señor! 19 Lémbrate da miña aflición e da miña miseria, do meu pranto e da miña amargura! 20 Heino ter sempre na miña memoria, e a túa alma gardará loito por min. 21 Isto traio ao meu corazón, por isto teño unha esperanza nova: 22 As misericordias do Señor nunca rematan, pois as súas bondades nunca faltan; 23 son novas cada mañá; grande é a túa fidelidade! 24 Iahveh é a miña porción! di a miña alma, por iso agardo nel. 25 Iahveh é bo para os que o agardan, para a alma que o busca. 26 É bo agardar en silencio a salvación do Señor. 27 Bo é para o home levar o xugo na súa xuventude. 28 Que se sente só e garde silencio xa que El llo impuxo; 29 Que poña a súa boca no pó, por se aínda hai esperanza; 30 Que lle dea a meixela ao que o fere; que se farte de aldraxes. 31 Porque o Señor non rexeita para sempre. 32 Aínda que El aflixe, tamén se compadecerá segundo a súa grande misericordia. 33 Porque El non castiga por pracer, nin se comprace aflixindo aos fillos dos homes. 34 Esmagar debaixo dos pés a tódolos presos dun país, 35 privar do dereito a unha persoa na presenza do Altísimo, 36 enganar a un home no seu litixio: estas cousas non as aproba o Señor! 37 Quen é aquel que fala e así acontece, se o Señor non o ordenou? 38 Non saen da boca do Altísimo tanto as desgrazas como o bo? 39 Por que se ha queixar o ser vivo? Que sexa valente fronte os seus pecados! 40 Examinemos os nosos camiños e escudriñémolos, e volvamos a Iahveh! 41 Ergamos o noso corazón nas nosas mans cara o Deus nos ceos. 42 Nós pecamos e rebelámonos; e Ti non nos perdoaches. 43 Cubrícheste de ira e perseguíchesnos; mataches e non perdoaches. 44 Cubrícheste cunha nube para que a oración non chegara a ti. 45 Fixéchesnos lixo e escoria no medio dos pobos. 46 Abriron a súa boca contra nós todos os nosos inimigos. 47 O espanto e a fosa viñeron sobre nós, a desolación e a destrución. 48 Ríos de auga derraman os meus ollos por mor da destrución da filla do meu pobo. 49 Os meus ollos flúen sen cesar, sen ter descanso. 50 Ata que Iahveh vexa e mire dende os ceos. 51 Os meus ollos causan dor á miña alma por todas as fillas da miña cidade. 52 Coma un paxáro déronme caza, aqueles que son os meus inimigos sen causa. 53 Calaron a miña vida cando estaba na fosa, e botaron pedra sobre min. 54 As augas cubriron a miña cabeza e dixen: -Estou perdido! 55 Invoquei o teu nome, Iahveh, dende a fosa máis profunda. 56 Ti escoitaches a miña voz: non peches o teu ouvido ao clamor dos meus suspiros! 57 Achegácheste o día que te invoquei e dixeches: -Non temas. 58 Ti defendiches, Señor, a causa da miña alma e redimiches a miña vida. 59 Ti miraches a miña opresión, faime xustiza Iahveh! 60 Miraches toda a súa vinganza, tódolos seus plans contra min. 61 Escoitaches as súas aldraxes, ó Iahveh, tódalas súas murmuracións contra min; 62 os beizos dos meus agresores e as súas murmuracións están na miña contra todo o día. 63 Estean sentados ou en pé, eu son o obxecto da súa copla. 64 Ti daraslles o seu pago, ó Iahveh, conforme a obra das súas mans. 65 Daraslles dureza de corazón, a túa maldición será sobre eles. 66 Persígueos coa túa ira e destrúeos de debaixo dos ceos, ó Iahveh!