1
Como nublou Iahveh na súa ira á capital de Sión! Arredou do ceo á terra a gloria de Israel! Non se lembrou do estrado dos seus pés no día da súa ira.
2
Iahveh destruíu sen compaixón todas as moradas de Xacob. Derrubou no seu furor as fortalezas da filla de Xudá, botounas por terra; profanou o reino e aos seus príncipes.
3
Exterminou no ardor da súa ira tódalas forzas de Israel; botou atrás a súa man dereita en presenza do inimigo; e acendeuse en Xacob coma chamas de lume devorando todo arredor.
4
Entesou o seu arco como inimigo, afirmou a súa man dereita como adversario e matou a todo o que era agradable á vista; na tenda da filla de Sión derramou o seu furor coma lume.
5
O Señor volveuse coma inimigo; devorou a Israel, devorou todos os seus pazos, destruíu as súas fortalezas e multiplicou na filla de Xudá o lamento e o loito.
6
Tratou con violencia o seu tabernáculo, como a cabana da horta; destruíu o seu lugar de reunión. Iahveh fixo esquecer en Sión a festa solemne e o día de repouso, e rexeitou no furor da súa ira o rei e o sacerdote.
7
O Señor repudiou o seu altar, desprezou o seu santuario; entregou en mans do inimigo os muros dos seus pazos. Gritos foron dados na casa de Iahveh como en día de festa solemne.
8
Iahveh decidiu destruír os muros da capital de Sión; estendeu o cordón, non retirou a súa man para destruír, e fixo que se lamentaran o antemuro e o muro; e a unha desmaiaron.
9
Afundiron na lama as súas portas, El destruíu e quebrou as súas fechaduras. O seu rei e os seus príncipes están entre as nacións; xa non hai lei; e os seus profetas tampouco atopan visión de Iahveh.
10
En terra están sentados, en silencio, os anciáns da filla de Sión. Botaron pó sobre as súas cabezas, cinguíronse de cilicio. Inclinaron a terra as súas cabezas as virxes de Xerusalém.
11
Os meus ollos consúmense polas bágoas, ferven as miñas tripas; o meu fel derrámase por terra, por mor da destrución da filla do meu pobo, cando nenos e lactantes desmaian nas rúas da cidade.
12
Preguntan ás súas nais: onde está o pan e o viño? Mentres xacen coma feridos nas prazas da cidade, mentres exhalan o seu espírito no regazo das súas nais.
13
Como te hei asemellar? Con quen te hei igualar, filla de Xerusalém? Con que te compararei para consolarte, virxe filla de Sión? Porque grande coma o mar é a túa ruína. Quen poderá sandarte?
14
Os teus profetas tiveron para ti visións falsas e enganosas, e non manifestaron a túa iniquidade para que volveses da túa catividade, senón que te anunciaron oráculos falsos e enganosos.
15
Baten palmas en contra de ti todos os que pasan polo camiño; asubían e menean as súas cabezas contra a filla de Xerusalém, dicindo: é esta a cidade da que dicían: a perfección da fermosura, a ledicia de toda a terra?
16
Abriron contra ti a súa boca todos os teus inimigos; asubían e rinchan os dentes, din: devorámola! Certamente este é o día que agardabamos! Conseguímolo e agora estamos a comprobalo!
17
Iahveh fixo o que se propuxo, cumpriu a súa palabra que ordenara dende os tempos antigos; derrubou sen compaixón, fixo que se alegre o inimigo sobre ti, exaltou o poder dos teus adversarios.
18
O seu corazón clama ao Señor: Muro da filla de Sión! Corren as túas bágoas coma un río día e noite, non te deas repouso nin teñan repouso os teus ollos.
19
Érguete, dá voces na noite ao comezar as vixías; derrama como auga o teu corazón diante da presenza do Señor; levanta cara El as túas mans pola vida dos teus pequenos, desfalecidos pola fame nas esquinas de tódalas rúas.
20
Mira Iahveh! Considera e observa a quen trataches así: cando as mulleres comeron aos seus fillos, aos pequenos aínda nos seus brazos? Cando foron asasinados sacerdotes e profetas dentro do santuario do Señor?
21
Xacen por terra nas rúas mozos e anciáns; as miñas virxes e os meus homes caeron a espada. Fixeches que morreran no día da túa ira, fixeches unha matanza sen te preocupar de nada.
22
Como en día de festa solemne convocaches os meus terrores de todas as partes; e non houbo no día da ira de Iahveh quen fuxira nin sobrevivira. Aqueles que criei e mantiven, o meu inimigo exterminounos.