Capítulo 9

1 E aconteceu que cando se decataron tódolos reis que estaban alén do Xordán, nos montes, nos vales,e en toda a costa do Mar Grande de fronte ao Líbano, os reis dos hititas, dos amorreos, dos cananeos, dos ferezeos, dos heveos, e dos xebuseos, 2 xuntáronse a unha e acordaron loitar contra Xosué e contra Israel. 3 Cando os habitantes de Gabaón se decataron do que Xosué fixera a Xericó e a Hai, 4 eles tamén usaron astucia intentando pasar por embaixadores, e levaban alforxas vellas sobre os seus asnos e odres de viño vellos, rachados e remendados 5 e sandalias gastadas e remendadas nos seus pés e roupa vella; e todo o pan do seu fornecemento estaba balorecido e esmigallado. 6 Viñeron onda Xosué ,ao campamento en Gilgal, e dixéronlle a el e aos homes de Israel: "Viñemos dun país lonxano; facede pois, pacto connosco." 7 E os homes de Israel dixeron aos heveos; "Seica habitades na nosa terra, como, pois, imos facer pacto convosco?" 8 Eles responderon a Xosué: "Somos os teus servos". E Xosué preguntoules: "Quen sodes, e de onde vides?" 9 Respondéronlle: "Os teus servos viñeron dun país moi afastado por mor da sona de Iahveh, o teu Deus; porque ouvimos falar del, de todo o que fixo en Exipto, 10 e de todo o que fixo aos dous reis dos amorreos de alén do Xordán, a Sehón, rei de Hesbón, e a Og, rei de Basán, que estaba en Astarot. 11 E os nosos anciáns e todos os habitantes do noso país dixéronnos: collede fornecemento na vosa man para o camiño, ide ao seu encontro e dicídelles: "Somos os vosos servos; facede ,pois, pacto connosco">. 12 Velaquí o noso pan estaba quente cando o sacamos das nosas casas para provisión o día que saímos para vir aonda vós; pero, velaquí, agora está balorecido e esmigallado. 13 Estes odres de viño eran novos cando os enchemos , e velaquí, que están rotos; e os nosas roupas e as nosas sandalias están gastadas de tan longo camiño 14 E os homes de Israel colleron do seu fornecemento, sen consultaren consello de Iahveh. 15 Xosué fixo paz con eles e fixo un pacto con eles para preservar as súas vidas; tamén llo xuraron os xefes da congregación. 16 E sucedeu que despois de tres días de facer o pacto con eles, ouviron que eran veciños e que habitaban na súa terra. 17 E partiron os fillos de Israel , e ao terceiro día chegaron ás súas cidades. Estas eran Gabaón, Cafira, Beerot, e Quiriat-jearim. 18 Os fillos de Israel non os mataron porque os xefes da congregación xuráranlles por Iahveh; Deus de Israel. E toda a congregación murmuraba contra os xefes. 19 Pero todos os xefes dixeronlle á congregación: Nós xurámoslles por Iahveh, Deus de Israel, e agora non podemos tocalos 20 Isto é o que faremos con eles: deixarémolos vivir, para que non veña sobre nós a cólera por mor do xuramento que lles fixemos. 21 E os xefes dixéronlles: Deixádeos vivir. E foron leñadores e acarrexadores de auga para toda a congregación, tal como lles dixeran os xefes. 22 Entón Xosué mandounos chamar e díxolles: Por que nos enganastes dicindo : "Vivimos moi lonxe de vós" cando vivides nesta terra? 23 Agora pois, malditos sodes e nunca deixaredes de ser esclavos, leñadores e acarrexadores de auga para a casa do meu Deus. 24 E eles responderon a Xosué: Porque aos teus servos foilles mostrado que Iahveh o teu Deus mandara ao seu servo Moisés de darvos toda a terra, e que destruíse todos os habitantes da terra diante vosa; así que trememos de abondo polas nosas vidas por causa de vós, e fixemos isto. 25 Agora pois, velaquí estamos nas túas mans; fai connosco o que che pareza bó e xusto. 26 E fixo con eles así, e librounos das mans dos fillos de Israel, e non os mataron. 27 E naquel día Xosué fíxoos leñadores e acarrexadores de auga para a congregación e para o altar de Iahveh no lugar que Iahveh escollera, ata o día de hoxe.