1 E sucedeu que cando Adonisedec, rei de Xerusalem ouviu que Xosué conquistara a Hai e a destruíra por completo (como fixera con Xericó e co seu rei, así fixo con Hai e co seu rei), e que os habitantes de Gabaón fixeran a paz con Israel e vivían dentro da súa terra, 2 colleu moito medo, porque Gabaón era unha cidade grande, como unha das cidades reais, porque era máis grande que Hai, e todos so seus homes eran valentes. 3 Adonisec, rei de Xerusalem, enviou unha mensaxe a Hoham, rei de Hebrón, a Piream, rei de Jarmut, a Jafía, rei de Laquis e a Debir, rei de Eglón, dicindo: 4 "Subide onda min e axudádeme, e ataquemos a Gabaón, porque fixo a paz con Xosué e cos fillos de Israel". 5 Reuníronse, pois, os cinco reis dos amorreos, o rei de Xerusalem, o rei de Hebrón, o rei de Jarmut, o rei de Laquis e o rei de Eglón, e subiron con todos os seus exércitos, e acamparon perto de Gabaón e loitaron contra ela. 6 Entón os homes de Gabaón enviaron unha mensaxe onda Xosué, ao campamento de Gilgal, dicindo: Non deixes da túa man aos teus servos; sube axiña onda nós, axúdanos e sálvanos , porque todos os reis dos amorreos que moran nos montes, achegáronse contra nós. 7 E Xosué subiu a Gilgal, con toda a xente de guerra , e con todos os valentes guerreiros. 8 E Iahveh dixo a Xosué: Non lles teñas medo, porque os entreguei nas túas mans; ningún deles poderá contra ti. 9 E Xosué arremeteu, de súpeto onda eles, despois de camiñar durante toda a noite desde Gilgal. 10 E Iahveh confundíunos diante de Israel, e bateunos cun grande estrago en Gabaón, e perseguiunos polo camiño da subida de Bet-horón, e mallou neles deica Azeca e Maceda. 11 E sucedeu que ao furxíren de diante de Israel, cando estaban na baixada de Bet-horón, Iahveh mandou contra eles grandes pedras desde o ceo ata Azeca, e morreron; e foron máis os que morreron polas pedras de pedrazo, que os que mataron a espada os fillos de Israel. 12 Entón Xosué falou a Iahveh o día que Iahveh entregou aos amorreos diante dos fillos de Israel, e dixo en presenza de Israel: "Sol, está quedo en Gabaón, e ti, lúa, no val de Ajalón". 13 E o sol detívose e a lúa parou, ata que a nación se vingou dos seus inimigos. Non está escrito no libro de Jaser? E o sol estivo parado no medio do ceo durante un día enteiro, sen bulir para poñerse 14 E non houbo día como aquel, nin antes nin despois, no que Iahveh escoitase así a voz dun home; porque Iahveh loitou do lado de Israel. 15 Entón Xosué e todo Israel volveron ao campamento en Gilgal, . 16 E aqueles cinco reis fuxiran e agocháranse na cova de Maceda. 17 E anunciáronlle a Xosué : " Deron cos cinco reis agochados na cova de Maceda." 18 E Xosué dixo: "Acarrexade pedras grandes ata a entrada da cova, e poñede onda ela homes que os vixíen, 19 pero vós non vos quededes alí; perseguide aos vosos inimigos e atacádeos pola retagarda. Non os deixedes entrar nas súas cidades, porque Iahveh, o voso Deus, entregounos nas vosas mans 20 E sucedeu que cando Xosué e os fillos de Israel remataron de ferilos con grande estrago, ata que foron destruídos, e que os sobrevivintes que deles quedaron entraron nas cidades fortificadas, 21 todo o pobo volveu en paz ao campamento, onda Xosué, en Maceda . Ninguén dixo palabra algunha contra os fillos de Israel 22 Entón Xosué dixo: "Abride a entrada da cova e sacádeme para acó a eses cinco reis". 23 E fixérono así, e sacaron da cova estes cinco reis: o rei de Xerusalem, o rei de Hebrón, o rei de Jarmut, o rei de Laquis, e o rei de Eglón. 24 E sucedeu que cando levaron estes reis a Xosué, el chamou a todos os homes de Israel e díxolles aos xefes dos homes de querra que foran con el: "Achegádevos e poñede o voso pé enriba dos pescozos destes reis". Eles achegáronse e puxeron os pés sobre as gorxas deles. 25 E díxolles Xosué:" Non teñades medo nin vos acovardedes. Sede fortes e valentes, porque así fará Iahveh con todos os vosos inimigos que loiten contra vós. 26 Despois Xosué feriunos ata matalos, colgounos de cinco árbores, e quedaron pendendo delas ata o serán 27 E sucedeu que ao solpor, Xosué mandou que os baixaran das árbores e botáronos na cova onde se agocharan; e puxeron grandes pedras na entrada da cova, que permanecen ata o día de hoxe. 28 E aquel día Xosué conquistou Maceda, e pasouna polo gume da espada xunto co seu rei; destruíuna por completo con todas as persoas que había nela. Non deixou ningún sobrevivente; e fixo co rei de Maceda como fixera co rei de Xericó. 29 Xosué, e todo Israel con el, foron de Maceda a Libna e loitaron contra Libna, 30 e púxoa Iahveh tamén, xunto co seu rei, nas mans de Israel, que a pasou polo gume da espada con todas as persoas que había nela. Non deixou ningún sobrevivente nela, e fixo co seu rei como fixera co rei de Xericó. 31 Xosué, e todo Israel con el, pasou de Libna a Laquis, acampou perto dela, e loitou contra ela. 32 E Iahveh entregou a Laquis nas mans de Israel, tomouna ao segundo día e pasouna polo gume da espada con todas as persoas que había nela, do mesmo xeito que fixera a Libna 33 Entón Horam, rei de Gezer, subiu en axuda de Laquis, e Xosué bateuno a el e mais ao seu pobo, ata non deixar ningún sobrevivente. 34 Xosué , e todo Israel con el, pasou de Laquis a Eglón, e acamparon perto dela e a atacaron. 35 Conquistárona naquel mesmo día e pasárona polo gume da espada; e aquel día destruíu por completo a todas as persoas que había nela, como fixera con Laquis. 36 Entón Xosué e todo Israel subiron de Eglón a Hebrón, e loitaron contra ela. 37 Tomárona e pasárona polo gume da espada, co seu rei, todas as súas cidades e todas as persoas que había nela. Non deixou ningún sobrevivente, segundo todo o que fixera con Eglón. Exterminouna con todas as persoas que había nela. 38 Despois Xosué, e todo Israel con el, volveron contra Debir e loitaron contra ela. 39 Conquistouna, co seu rei e todas as súas cidades, fe pasounos polo guma da espada ; e destruíu por completo todas as persoas que había nela. Non deixou sobrevivente ningún. Como fixera con Hebrón e como tamén fixera con Libna e o seu rei, así fixo con Debir e o seu rei. 40 Xosué conquistou toda a terra: a rexión montañosa, o Neguev, a terra chá, as ladeiras, e todos os seus reis. Non deixou ningún sobrevivente, senón que exterminou todo o que tiña vida, tal e como mandara Iahveh, Deus de Israel. 41 Xosué arrasou desde Cades-barnea ata Gaza, e todo o territorio de Gosén, ata Gabaón. 42 Xosué venceu dunha batida a todos estes reis e os seus territorios porque Iahveh, Deus de Israel, loitaba do lado de Israel. 43 E regresou Xosué, e todo Israel con el, ao campamento de Gilgal