1 E aconteceu que cando o soubo Jabín, rei de Hazor, enviou mensaxeiros a Jobab, rei de Madón, ao rei de Simrón, ao rei de Acsaf, 2 e aos reis que estaban ao norte na rexión montañosa, no Arabá ao sur de Cineret, e nas terras chás e nos outeiros de Dor ao oeste; 3 ao cananeo que estaba ao oriente e ao occidente, ao amorreo, ao hitita, ao ferezeo e ao jebuseo na rexión montañosa, ao heveo ao pé de Hermón na terra de Mizpa. 4 E saíron eles, e todos os seus exércitos con eles, tanta xente como a area da beira do mar, con moitísimos cabalos e carros. 5 Así que todos estes reis, acordando unirse, viñeron e acamparon xuntos perto das augas de Merom para loitar contra Israel. 6 Entón Iahveh dixo a Xosué: Non lles teñas medo, porque mañá a esta hora eu entregareinos mortos diante de Israel; tronzarás aos seus cabalos e prenderás lume aos seus carros. 7 E Xosué , e toda a xente de guerra con el, veu de súpeto onda eles xunto as augas de Merom, e atacounos. 8 Iahveh entregounos nas mans de Israel, derrotáronos e perseguíronos ata Sidón a grande, ata Misrefot-maim e ata o val de Mizpa ao leste; feríronos ata que non lles quedou ningún sobrevivente. 9 E Xosué fixo con eles como Iahveh mandara: tronzou os seus cabalos e prendeu lume aos seus carros. 10 Daquela Xosué volveu e tomou Hazor e feriu a espada ao seu rei; porque Hazor antes fora a capital de todos aqueles reinos. 11 E pasaron polo gume da espada a todas as persoas que había nela, exterminounos sen deixar ninguén con vida, e prendeulle lume a Hazor 12 E Xosué conquistou todas as cidades destes reis, e a todos eles pasounos polo gume da espada, e destruíunos por completo, segundo mandara Moisés, servo de Iahveh. 13 Non obstante, Israel non queimou ningunha das cidades que estaban nos outeiros, agás Hazor, que a queimou Xosué . 14 E os fillos de Israel colleron como botín todos os despoxos destas cidades e o gando; pero aos homes pasáronos polo gume da espada ata non deixar ningún con vida. 15 Segundo Iahveh lle mandara a Moisés, o seu servo, así Moisés mandoullo a Xosué, e Xosué así o fixo; non deixou sen facer nada de todo o que Iahveh lle ordenara a Moisés. 16 Xosué tomou, pois, toda aquela terra: a rexión montañosa, todo o Neguev, toda a terra de Gosén, as terras chás, o Arabá, a rexión montañosa de Israel e as súas terras chás, 17 desde o monte Halac, que se levanta cara a Seir, ata Baal-gad no val do Líbano, ao pé do Monte Hermón. Apresou a todos os seus reis, feriunos ata merreren. 18 Por moito tempo Xosué estivo en guerra con todos os reis. 19 Non houbo cidade que fixera a paz cos fillos de Israel, agás os heveos que vivían en Gabaón; apoderáronse de todas pola forza. 20 Porque a intención de Iahveh foi endurecer o corazón deles para que loitasen contra Israel en batalla, para seren exterminados sen compaixón e aniquilados, como mandara Iahveh a Moisés. 21 Daquela foi Xosué e destruíu aos anaceos da rexión montañosa de Hebrón, os de Debir, os de Anab, os de toda a rexión montañosa de Xudá e de toda a rexión montañosa de Israel. Xosué exterminounos xunto coas súas cidades. 22 Non quedaron anaceos na terra dos fillos de Israel; só quedaron algúns en Gaza, en Gat e en Asdod. 23 Xosué coquistou toda a terra conforme a todo o que Iahveh dixera a Moisés. E Xosué deulla por herdade a Israel segundo as súas distribucións en tribos. E a terra descansou da guerra.