1 E sucedeu que cando todo o pobo rematou de pasar o Xordán, Iahveh díxolle a Xosué : 2 Escollede doce homes do pobo, un de cada tribo, 3 e mandádelles isto: "Collede doce pedras de aquí, do medio do Xordán, do lugar onde están firmes os pés dos sacerdotes, e carrexádeas e colócadeas no lugar onde habedes de pasar a noite". 4 Chamou, pois Xosué aos doce homes que escollera de entre os fillos de Israel, un de cada tribo; 5 e díxolles: Pasade diante da arca de Iahveh o voso Deus ao medio do Xordán, e lerguede cada un de vós unha pedra sobre o seu ombro, segundo o número das tribos dos fillos de Israel 6 Sexa isto un sinal entre vós, e máis tarde cando os vosos fillos pregunten :"Que significan estas pedras para vós?" 7 dirédeslles: É que as augas do Xordán estiveron cortadas diante da arca do pacto de Iahveh, ao pasar o Xordán, as augas quedaron cortadas". Así que estas pedras servirán como lembranza para os fillos de Israel para sempre. 8 E fixérono así os fillos de Israel, tal como Xosué ordenou, e colleron doce pedras do medio do Xordán, como Iahveh dixo a Xosué, segundo o número das tribos dos fillos de Israel; e leváronas con eles ao aloxamento e alí depositáronas. 9 Entón Xosué levantou doce pedras no medio do Xordán, no lugar onde se pousaran os pés dos sacerdotes que levaban a arca do pacto, e alí permanecen ata hoxe 10 Porque os sacerdotes que levaban a arca estiveron parados no medio do Xordán ata que se cumprise todo o que Iahveh mandara a Xosué que dixese ao pobo, segundo todo o que Moisés mandara a Xosué. E o pobo deuse présa e atravesou 11 e sucedeu que cando todo o pobo rematara de pasar, a arca de Iahveh e os sacerdotes pasaron diante do pobo. 12 E os fillos de Rubén, os fillos de Gad e a media tribo de Manasés pasaron en orde de batalla diante dos fillos de Israel, tal como Moisés lles dixera; 13 uns corenta mil homes, equipados para a guerra, pasaron diante de Iahveh cara ás chairas de Xericó´, preparados para a batalla. 14 Aquel día Iahveh engrandeceu a Xosué aos ollos de todo Israel; e respectárono tal como respectaran a Moisés todos os días da súa vida. 15 Entón Iahveh dixo a Xosué : 16 "Manda aos sacerdotes que levan a arca do testemuño, que suban do Xordán." 17 E Xosué mandou aos sacerdotes : Subide do Xordán. 18 E sucedeu que cando os sacerdotes que levaban a arca do pacto de Iahveh subiron do medio do Xordán, e as plantas dos pés dos sacerdotes saíron a terra seca, as augas do Xordán volveron ao seu lsitio e correron sobre todas as súa beiras como antes. 19 O pobo subiu do Xordán o día dez do mes primeiro e acamparon en Gilgal á beira oriental de Xericó. 20 E Xosué erguiu en Gilgal aquelas doce pedras que sacaran do Xordán, . 21 E dixo aos fillos de Israel : "Cando o día de mañá, os vosos fillos pregunten aos seus pais: "Que significan estas pedras?" 22 entón instruiredes aos vosos fillos dicindo: "Israel cruzou este Xordán por terra seca" 23 Porque Iahveh o voso Deus secou as augas do Xordán diante de vós ata que pasastes, tal como Iahveh, o voso Deus, fixera ao mar Vermello, o que secou diante de nós ata que atravesamos 24 para que todos os pobos da terra coñezan que a man de Iahveh é poderosa, para que temades a Iahveh o voso Deus para sempre.