Capítulo 2

1 E Xosué, fillo de Nun, enviou en segredo dende Sitim dous espías, dicindo: Ide, recoñecede a terra, especialmete Xericó. Foron, pois, e entraron na casa dunha rameira que se chamaba Rahab e alí aloxáronse. 2 E déuselle aviso ao rei de Xericó, dicindo: Velaquí uns homes dos fillos de Israel viñeron aquí esta noite para recoñecer toda a terra. 3 Entón o rei de Xericó mandou dicir a Rahab: Saca aos homes que viñeron a ti, que entraron na túa casa, porque viñeron para recoñecer toda a terra. 4 Pero a muller collera aos dous homes e acocháraos; e dixo: "Si, os homes viñeron onda min, pero eu non sabía de onde eran. 5 E sucedeu que á hora de pechar a porta, ao serán, eses homes saíron; non sei para onde foron; seguídeos axiña e os alcanzaredes" 6 Mais ela fixéraos subir á azotea e acocháraos entre feixes de liño que puxera amoreados na azotea. 7 E perseguíronos polo camiño cara ao Xordán, ata os vaos, e en saíndo os que os perseguían , pecharon a porta. 8 E antes que se deitaran os espías, ela subiu á azotea onde estaban, 9 e díxolles: "Sei que Iahveh vos deu a terra e que o terror voso caeu sobre nós e que todos os veciños da terra están amedrentados por causa vosa." 10 Porque temos oído que Iahveh secou a auga do mar Vermello diante de vós cando saístes de Exipto e do que fixestes aos dous reis dos amorreos que estaban alén do Xordán, a Sehón e a Og, que os esnaquizastes. 11 E cando o oímos, acovardouse o noso corazón, non quedando xa valor en home algún por causa vosa; porque Iahveh o voso Deus, El é Deus arriba nos ceos e abaixo na terra. 12 Agora pois, xurádeme por Iahveh, xa que vos tratei con bondade, que vós trataredes con bondade á casa do meu pai e dádeme promesa segura, 13 que deixaredes vivir o meu pai e a miña nai, aos meus irmáns e ás miñas irmás con todos os seus, e que libraredes as nosas vidas da morte. 14 E os homes dixéronlle: "a nosa vida responderá pola vosa, se non revelades o noso propósito; e sucederá que cando Iahveh nos dea a terra, tratarémoste con bondade e lealdade". 15 Entón ela fíxoos descender cunha corda pola xanela, porque a súa casa estaba na muralla da cidade, e ela vivía na muralla. 16 E díxolles: "Ide á rexión montañosa, non sexa que os perseguidores dean convosco, e acochádevos alí durante tres días ata que os perseguidores regresen. Entón podedes seguir o voso camiño". 17 E os homes dixéronlle: "Nós quedaremos ceibes deste xuramento que nos fixeches xurarte, 18 a non ser que, cando entremos na terra, ates este cordón de fío escarlata á xanela pola que nos deixas baixar, e reúnas contigo na túa casa ao teu pai e á túa nai, aos teus irmáns e a toda a casa do teu pai. 19 E sucederá que calquera que saia das portas da túa casa á rúa, o seu sangue caerá sobre a súa propia cabeza e quedaremos libres, Pero o sangue de calquera que estea na casa contigo caerá sobre as nosas cabezas se alguén lle pon a súa man enriba. 20 Pero se divulgas o noso propósito, quedaremos libres do xuramento que nos fixeches xurar." 21 E ela respondeu: "Conforme ás vosas palabras , así sexa". E envióunos e marcharon; e ela atou o cordón escarlata á fiestra 22 E eles marcharon e chegaron á rexión montañosa, e permaneceron alí durante tres días, ata que volveron os perseguidores . Estes buscáranos por todo o camiño, pero non deran con eles. 23 Entón os dous homes regresaron e baixaron da rexión montañosa, e pasaron e chegaron onda Xosué, fillo de Nun, e contáronlle todo o que lles acontecera. 24 E dixeron a Xosué: En verdade Iahveh entregou toda a terra nas nosas mans, e ademais, todos os habitantes da terra están amedrentados pola nosa causa.