Capítulo 1

1 Sucedeu despois da morte de Moisés, servo de Iahveh, que Iahveh falou a Xosué, fillo de Nun, e axudante de Moisés, dicindo: 2 O meu servo Moisés morreu; agora, pois, érguete, cruza este Xordán, ti e todo este pobo, á terra que Eu lle dou aos fillos de Israel. 3 Todo lugar que pise a planta do voso pé deivos , tal como dixen a Moisés. 4 Dende o deserto e este Líbano ata o gran río, o río Eufrates, toda a terra dos hititas ata o mar Grande que está cara ao solpor, será o voso territorio. 5 Ninguén te poderá facer fronte en todos os días da túa vida. Así como estiven con Moisés estarei contigo; non te deixarei nin te abandonarei. 6 Sé forte e valente, porque ti darás a este pobo a posesión da terra que xurei aos seus pais que lles daría. 7 Só sé forte e moi valente; cóidate de cumprir toda a lei que o meu servo Moisés che mandou; non te desvíes dela nin á dereita nin á esquerda, para que teñas éxito onde queira que vaias. 8 Este libro da lei non se apartará da túa boca, senón que meditarás nel día e noite, para que coides de facer todo o que nel está escrito; porque entón farás prosperar o teu camiño e terás éxito. 9 Non cho ordenei Eu? Sé forte e valente! Non temas nin te acovardes, porque Iahveh o teu Deus estará contigo onde queira que vaias. 10 Entón Xosué deu ordes aos oficiais do pobo dicindo: 11 Pasade polo medio do campamento e ordenade ao pobo, dicindo: "Preparade provisións para vós porque en tres días cruzaredes o Xordán para entrar a posuír a terra que Iahveh o voso Deus vos dá en posesión". 12 E aos rubenitas , aos gaditas e á media tribo de Manasés, Xosué dixo: 13 Lembrade a palabra que Moisés, servo de Iahveh, vos deu dicindo: "Iahveh, o voso Deus dávos repouso e daravos esta terra". 14 As vosas mulleres, os vosos pequenos e o voso gando permanecerán na terra que Moisés vos deu alén do Xordán; pero vós, todos os valentes querreiros, pasaredes en orde de batalla diante dos vosos irmáns e axudarédelos, 15 ata que Iahveh dea repouso aos vosos irmáns como a vós e eles tamén posúan a terra que Iahveh, o voso Deus, lles dá. Entón volveredes á vosa terra e posuiredes o que Moisés, servo de Iahveh ,vos deu alén do Xordán cara ao oriente. 16 E eles responderon a Xosué, dicindo: Faremos todo o que nos mandaches, e onde queira que nos envíes, iremos. 17 Como obedecemos en todo a Moisés, así te obedeceremos a ti, con tal que Iahveh o teu Deus estea contigo como estivo con Moisés. 18 Calquera que se rebele contra o teu mandato e non obedeza as túas palabras en todo o que lles mandes, daráselle morte; só sé forte e valente.