1 Entón Xob respondeu e dixo: 2 En verdade eu sei que é así, pero como pode un home ser xusto diante de Deus? 3 Se algún quixera contender con El, non podería contestarlle nin unha vez entre mil. 4 El é sabio de corazón e poderoso en afouteza, quen o desafiou sen sufrir dano? 5 El é quen move os montes co seu furor, e estes non saben quen os trastorna; 6 El sacude a terra do seu lugar, e as súas columnas tremen; 7 El manda o sol que non brille, e pon selo nas estrelas; 8 El mesmo estende os ceos, e anda sobre as ondas do mar; 9 El fai a Osa, o Orión e as Pléiades, e os lugares segredos do sur; 10 El é o que fai grandes cousas inexplorables e marabillas sen número. 11 Se El pasase xunto a min, non o vería; se me pasase por diante, non o podería ver. 12 El arrebata e, quen o impedirá? Quen lle poderá dicir: que fas? 13 Deus non retirará a súa ira; baixo El quedan humillados os que axudan os soberbios. 14 Como podo eu responderlle, e escoller as miñas palabras diante del? 15 Porque aínda que eu fose xusto, non podería responder; mais ben tería que implorar misericordia ao meu Xuíz. 16 Se eu chamase e El me respondera, non podería crer que escoitaría a miña voz. 17 Porque El quebrantoume con tempestade, e sen causa multiplicou as miñas feridas. 18 Non me permite coller alento, senón que me enche de amarguras. 19 Se é cuestión de poder, velaí que El é máis poderoso! E se é cuestión de xustiza, quen o ha citar? 20 Aínda que penso que son xusto, a miña boca hame condenar; aínda que son inocente, ela declararame culpable. 21 Mais, son inocente? Nin eu mesmo o sei! Desprezo a miña vida! 22 Todo é o mesmo, por iso digo: El destrúe o inocente e o malvado. 23 Se o látego mata de súpeto, El burlase da desesperación do inocente. 24 A terra é entregada en mans do impío; El cubre a cara dos seus xuíces; e se non é El, enton quen é? 25 Os meus días son máis lixeiros ca un corredor; fuxiron sen ver cousa boa. 26 Escorregaron coma barcos de xuncos, coma unha aguia que se lanza sobre a súa presa. 27 E se eu digo: esquecerei a miñas queixas, mudarei a miña tristeza e alegrareime, 28 entón, énchenme de medo tódalas miñas dores, sei que Ti non me atoparás inocente, 29 e serei declarado culpable, para que, pois, me hei esforzar en balde? 30 Aínda que me lavase con neve e limpase as miñas mans con lixivia, 31 con todo afundiríasme na foxa, e os meus propios vestidos aborreceríanme. 32 Porque El non é home coma min, para que lle resposte, e vaiamos xuntos a xuízo. 33 Se houbese un mediador entre nós, que puxera a súa man sobre os dous, 34 entón El apartaría de min a súa vara, e que o seu terror non me espantaría. 35 Eu podería falar e non tería temor del. Mais esa non é a miña situación.