1 Velaí todo isto viron os meus ollos, os meus ouvidos escoitárono e entendérono. 2 O que vós sabedes, eu tamén o sei; non son menos ca vós. 3 Pero con quen quero falar eu é co Todopoderoso, o meu desexo é argumentar con Deus. 4 Vós sodes forxadores de mentiras; todos vós sodes médicos inútiles! 5 Que bo sería que gardásedes silencio e deste xeito seriades tratados coma sabios! 6 Escoitade, agora, o meu razoamento, e prestade atención aos argumentos da miña boca. 7 Falaredes a favor de Deus o que é falso e diredes por El o que é enganoso? 8 Mostraredes por El parcialidade? Queredes defender a Deus? 9 Quedaredes ben cando El vos escudriñe? Ou querédesvos burlar del coma un se burla dunha persoa? 10 Certamente El reprenderavos se en segredo amosades parcialidade. 11 Non vos encherá de temor a súa maxestade, cando a súa ira caia sobre vós? 12 Os vosos refráns memorables son proverbios de cinza, e as vosas defensas, son defensas de barro. 13 Calade diante de min para que eu poida falar; e que veña sobre min o que veña! 14 Eu tomo a miña carne entre os meus dentes, e poño a miña vida nas palmas das miñas mans! 15 Aínda que El me mate, agardarei nel; e defenderei os meus camiños diante del. 16 Esta tamén será a miña salvación, porque un impío non comparecería na súa presenza. 17 Escoitade atentamente as miñas palabras, e que a miña declaración encha os vosos ouvidos. 18 Velaí agora, eu preparei a miña defensa; sei que son inocente. 19 Quen contenderá comigo? Porque de calar agora, morrería. 20 Só desexo que fagas dúas cousas comigo, e non me esconderei da túa presenza: 21 Retira de min a túa man e que o teu terror non me asuste. 22 Entón acúsame, e eu responderei; ou déixame falar, e respóndeme ti a min. 23 Cantas son as miñas culpas o os meus pecados? Faime coñecer a miña rebelión e o meu pecado. 24 Por que agochas o teu rostro e me consideras o teu inimigo? 25 Por que fas que trema unha folla levada polo vento, e persegues a palla seca, 26 apuntando contra min cousas amargas, e facéndome responsable das culpas da miña xuventude? 27 Pos os meus pés no cepo, e vixías todos os meus vieiros, examinas as miñas pegadas, 28 mentres me desfago coma cousa apodrentada, coma vestido comido pola traza.