1 Entón Zofar naamatita respondeu, e dixo: 2 Quedarán sen resposta as moitas palabras, e será absolto o que fala moito? 3 Farás calar as persoas coa túa arrogancia? Farás burla sen que ninguén te reprenda? 4 Pois dixeches: o meu ensino é puro, e son inocente diante dos teus ollos. 5 Mais, quen dera que Deus falase, e abrise os seus beizos contra ti, 6 e te declarara os segredos da sabedoría, que van moito máis aló das túas trampas. Saberías entón que Deus te castiga menos do que mereces. 7 Descubrirás ti as profundidades de Deus? Descubrirás o propósito do Todopoderoso? 8 El é máis alto que os ceos; que farás ti? É mais profundo que o Seol; que podes ti saber? 9 Máis extensa que a terra é a súa dimensión, e máis ancha que o mar. 10 Se El ataca ou mete na cadea, ou chama a xuízo, quen se atreverá a estorbalo? 11 Porque El coñece as persoas falsas, e ve a súa iniquidade, e non a considerará? 12 E o home necio farase intelixente cando o asno montés naza sendo un ser humano. 13 Se dispuxeses o teu corazón e estendeses a El as túas mans, 14 e afastases de ti a iniquidade das túas mans, e non permitises que a maldade habite nas túas moradas, 15 entón, de certo, poderás erguer a túa faciana sen mancha. Estarás firme e non temerás. 16 Porque esquecerás a túa aflición, e lembrarala coma as augas que pasaron. 17 A túa vida será máis radiante que o mediodía, e ata a escuridade será coma a mañá. 18 Estarás confiado, porque haberá esperanza; mirarás arredor e deitaraste tranquilo. 19 Descansarás e ninguén te aterrorizará, e moitos buscarán o teu favor. 20 Pero os ollos dos malvados languidecerán, porque non poderán fuxir; e a súa esperanza será dar o seu último alento.