1
Que bo sería que a miña cabeza se fixera auga e os meus ollos fonte de bágoas, para que chorase día e noite polos mortos da filla do meu pobo!
2
Que bo sería que me deran no deserto unha pousada de camiñantes, para deixar o meu pobo e alonxarme deles! Porque todos eles son adúlteros, unha asemblea de traidores.
3
Tensan a súa lingua coma o seu arco; lanzan a mentira e a verdade non prevalece na terra; porque van de mal en peor, e a min non me coñecen, di Iahveh.
4
Que se coide cada un do seu próximo! Que ninguén confíe no seu irmán; porque todo irmán obra con engano, e todo próximo anda calumniando.
5
Cada un engana ao seu compañeiro, e non fala a verdade, ensinaron as súas linguas a falar mentiras; afánanse por cometer iniquidade ata se cansar.
6
A túa morada está no medio do engano; e por mor do engano néganse a coñecerme, di Iahveh.
7
Por tanto, así di Iahveh dos exércitos: "Velaquí, Eu hei de refinalos e probalos, porque que máis podo facer coa filla do meu pobo?
8
A súa lingua é coma unha frecha mortífera que fala engano; coa súa boca fala cada un de paz ao seu próximo, mentres lle preparan unha embosacada dentro de si.
9
Por estas cousas, non te hei castigar? -di Iahveh - Non me vinguarei na miña alma dunha nación coma esta?
10
"Levantarei choros e lamentación polos montes, e unha cantiga triste polos pastos do deserto, porque foron desolados e ninguén pasa por eles, nin se escoita o balbordo do gando; dende as aves do ceo ata as bestas fuxiron, fóronse."
11
Farei de Xerusalém un monte de ruínas, unha gorida de chacais, e das cidades de Xudá unha desolación, sen habitantes.
12
Quen é o home sabio que entenda isto? A quen falou a boca de Iahveh que o poida declarar? Por que está arruinado o país, desolado coma un deserto sen que ninguén pase por el?
13
Respondeu Iahveh: "Porque abandonaron a miña lei que puxen diante deles, e non obedeceron a miña voz nin andaron conforme a ela,
14
senón que andaron tras a dureza dos seus corazóns e tras os baales, tal e como os seus pais lles ensinaron.
15
Por tanto, así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Velaquí, Eu darei de comer a xoio a este pobo e dareille de beber auga envelenada.
16
Dispersareinos entre nacións que non coñeceron nin eles nin os seus pais, e mandarei tras deles a espada ata acabar con eles.
17
Así di Iahveh dos exércitos: - Poñede atención e chamade as carpideiras, que veñan; mandade polas máis xeitosas para que veñan,
18
que se apuren e fagan unha lamentación por nós, para que vertan bágoas os nosos ollos e flúan auga das nosas pálpebras.
19
Porque se escoita a voz de lamentación dende Sión: como fomos arrasados! Como fomos avergoñados! Tivemos que abandonar a terra, porque derrubaron as nosas moradas.
20
Escoitade, pois, mulleres, a palabra de Iahveh, e recibide no voso ouvido a palabra da súa boca; ensinade a lamentación ás vosas fillas e a triste cantiga cada unha ao seu próximo.
21
Porque a morte subiu polas nosas fiestras, entrou nos nosos pazos, exterminando os nenos nas rúas, e os mozos das prazas.
22
Di: -Así di Iahveh: "Os cadáveres da xente caerán coma esterco sobre a face do campo, e coma feixes detrás do segador, e non haberá quen as recolla.
23
Así di Iahveh: "Non se gloríe o sabio na súa sabedoría, nin se gloríe o poderoso no seu poder, nin o rico se gloríe na súa riqueza;
24
pero o que se gloría, gloríese disto: de que me entende e me coñece, pois Eu son Iahveh que fago misericordia, xuízo e xustiza na terra, porque nestas cousas me comprazo, di Iahveh.
25
Velaí que veñen días - di Iahveh - nos que castigarei a todos os circuncidados e aos non circuncidados:
26
a Exipto, a Xudá, aos fillos de Amón, a Moab e a todos os que se rapan as tempas, aos que viven no deserto; porque tódalas nacións son incircuncisas, e toda a casa de Israel é incircuncisa de corazón.