1
Escoitade a palabra que Iahveh vos fala, casa de Israel.
2
Así di Iahveh: "Non aprendades o camiño das nacións, nin dos sinais dos ceos vos aterroricedes, aínda que as nacións teñan terror deles.
3
Porque os costumes dos pobos son vaidade; pois unha madeira do bosque é cortada, as mans dun artífice traballan coa ferramenta;
4
adórnaa con prata e ouro, e con cravos e martelos asegúrana para que non cambalee.
5
Están dereitiños coma palmeiras; os seus ídolos non falan, e teñen que ser transportados, porque non andan. Non lles teñades medo, porque non poden facer ningún mal, nin teñen poder para facer ben.
6
Non hai ninguén coma ti, Oi Iahveh; grande es ti, e grande é o teu nome en poder!
7
Quen non te temerá, Oi Rei das nacións? Porque isto só a ti te corresponde. Porque entre todos os sabios das nacións, e en todos os seus reinos, non hai ninguén coma ti.
8
Todos eles se volven insensatos e necios, pois o seu ídolo van é unha madeira.
9
Prata laminada é traída de Tarsis e ouro de Ufaz, obra dun artífice e de mans dun ourive; o seu vestido é de violeta e púrpura; todo iso obra dun bo artesán.
10
Pero Iahveh é o Deus verdadeiro; El é o Deus vivo e o Rei eterno! Diante da súa ira treme a terra, e as nacións non poden soportar a súa indignación.
11
Así lles diredes: -Os deuses que non fixeron os ceos nin a terra, perecerán de sobre a terra e de debaixo dos ceos.
12
El é o que fixo a terra co seu poder, o que estableceu o mundo coa súa sabedoría, e coa súa intelixencia estendeu os ceos.
13
Cando El emite a súa voz, hai murmurio de augas nos ceos; El eleva as nubes dende os extremos da terra, fai os lóstregos para a choiva e saca o vento dos seus depósitos.
14
A xente que non sabe isto é necia; todo ourive hase avergoñar do seu ídolo; porque as súas imaxes fundidas son mentira, e non hai alento nelas.
15
Son obras vas e ridículas; no tempo do seu castigo perecerán.
16
Non é coma a porción de Xacob; porque El é o que fai todo, e Israel é a tribo da súa herdanza; Iahveh dos exércitos é o seu nome!
17
Recolle do chan as túas pertenzas, ti que moras sitiada!
18
Porque así di Iahveh: "Velaí, nesta ocasión, arroxarei cun tirapedras os habitantes da terra, e aflixireinos para que o sintan.
19
Ai de min, polo meu quebrantamento! A miña ferida é incurable! Mais eu dixen: de certo esta é a miña aflición, e teño que soportala!
20
A miña tenda está destruída, e tódalas miñas cordas quebradas; os meus fillos abandonáronme e non queda ningún. Non hai quen plante de novo a miña tenda nin coloque as miñas cortinas.
21
Porque os pastores foron necios e non buscaron a Iahveh; por iso, non prosperaron, e todo o seu rabaño foi dispersado.
22
Síntese un rumor! Velaí vén un gran estrondo dende a terra do norte, para converter as cidades de Xudá en desolación, en gorida de chacais.
23
Oi Iahveh, eu sei que non depende do home o seu camiño, nin de quen anda o dirixir os seus pasos.
24
Corríxeme, Oi Iahveh, pero con xustiza, non coa túa ira, non sexa que me reduzas a nada.
25
Derrama a tua ira sobre os pobos que non te coñecen, e sobre as nacións que non invocan o teu nome; porque devoraron a Xacob. Si, devorárono e consumírono, e arrasaron a súa morada.