Capítulo 51

1 Así di Iahveh: "Velaí, Eu levanto en contra de Babilonia e contra os habitantes de Leb-Qamay un vento destrutor. 2 E mandarei contra Babilonia aventadores que a aventarán e vaciarán a súa terra; porque estarán contra ela por todoas partes no día da súa tribulación. 3 Que non se vaia o arqueiro nin o que viste a súa coiraza se retire. Non perdoedes aos mozos guerreiros, exterminade todo o seu exército. 4 Caerán feridos na terra dos caldeos, e traspasados nas súas rúas. 5 Porque nin Israel nin Xudá foron abandonados polo seu Deus, Iahveh dos exércitos, aínda que a súa terra está chea de pecados contra o Santo de Israel. 6 Fuxide do medio de Babilonia, e salvade cada un a súa vida. Non perezades pola súa maldade, pois este é o tempo da vinganza de Iahveh; El daralle o seu pago. 7 Babilonia foi copa de ouro na man de Iahveh, que embebedou toda a terra. Do seu viño beberon as nacións; enlouqueceron, por iso, as nacións. 8 De súpeto caeu Babilonia e fíxose anacos! Xemede por ela, traede bálsamo para a súa dor, acaso sane! 9 Quixemos curar a Babilonia, pero non sandou; abandonádea, e vaiamos cada un á súa terra, porque o seu castigo chegou ata o ceo, e foi alzado ata as nubes. 10 Iahveh sacou á luz a nosa victoria: vinde e contemos en Sión as proezas de Iahveh o noso Deus! 11 Afiade as frechas, e tomade o escudo! Iahveh espertou o espírito dos reis de Media, porque o seu plan contra Babilonia é destruíla; porque esta é a vinganza de Iahveh, a vinganza da súa casa destruída. 12 Erguede a bandeira contra os muros da Babilonia! Fortalecede a garda, colocade sentinelas e preparade emboscadas! Porque Iahveh decidiu, e polo tanto executará o que falou sobre os moradores da Babilonia. 13 Ai ti, que vives xunto a moitas augas, tes moitos tesouros! Chegou o teu fin, rematou a túa trama. 14 Iahveh dos exércitos xurou por si mesmo: mesmo que teñas homes coma lagostas, entoaránse contra ti berros de vitoria. 15 El é o que fixo a terra co seu poder, o que estableceu o mundo coa súa sabedoría, e coa súa intelixencia estendeu os ceos. 16 Cando emite a súa voz, hai murmurio de augas nos ceos, e fai subir as nubes dende os confíns da terra. El produce os lóstregos para a choiva, e saca o vento dos seus depósitos. 17 A xente non entende isto, o seu coñecemento embrutéceos; os ourives avergoñanse dos seus ídolos, porque as súas imaxes fundidas son un engano, e non hai alento nelas. 18 Son vaidade, obras dignas de burla: no tempo do seu castigo perecerán. 19 A porción de Xacob non é coma estas cousas; porque El é o Creador de todo, tamén da tribo da súa herdanza; Iahveh dos exércitos é o seu nome. 20 Ti fuches o meu mazo, e as miñas armas de guerra; contigo esnaquizarei nacións, contigo destruirei reinos, 21 contigo hei destruír o cabalo e o seu xinete, contigo esnaquizarei o carro e ao auriga, 22 contigo quebrantarei homes e mulleres, contigo quebrantarei o ancián e o meniño, contigo quebrantarei o mozo e a doncela, 23 contigo esnaquizarei o pastor e o seu rabaño, contigo esnaquizarei o labrego e a súa xunta e contigo esnaquizarei os gobernadores e os sátrapas. 24 E pagarei a Babilonia e a tódolos habitantes de Caldea todo o mal que fixeron en Sión diante dos vosos ollos, di Iahveh. 25 "Velaí, Eu estou contra ti, volcán destrutor, di Iahveh, que destruíu toda a terra. Estenderei a miña man contra ti, fareite rolar dende as rochas e reducireite a volcán queimado. 26 E non tomarán de ti pedra angular, nin pedra para alicerces, pois serás desolación eterna -di Iahveh- 27 Erguede a bandeira na terra! Tocade a trompeta entre as nación, convocando a guerra santa! Convocade contra ela os reinos de Ararat, Mini e Asquenaz! Nomeade contra ela un capitán! Facede subir os cabalos coma lagostas aterradoras! 28 Reunide as nacións contra ela, aos reis de Media cos seus capitáns, a tódolos seus príncipes e a toda a terra do seu dominio. 29 A terra tremerá e ha ser aflixida, porque se cumpriron os plans de Iahveh contra Babilonia para converter a terra da Babilonia nun deserto sen habitantes. 30 Os valentes de Babilonia deixaron de loitar, permanecen nas fortalezas; esgotaron as súas forzas e volvéronse coma mulleres; foron incendiadas as súas moradas, quebrados están os seus ferrollos. 31 Un correo vai ao encontro doutro e un mensaxeiro releva a outro, para anunciar ao rei de Babilonia que a súa cidade foi conquistada por completo; 32 tamén foron ocupadas as pasaxes, e queimados a lume os seus baluartes, e os guerreiros están aterrorizados. 33 Porque así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: A filla de Babilonia é coma unha eira ao tempo de ser pisada; dentro de pouco, chegaralle o tempo da colleita. 34 Devoroume e esmagoume Nabucodonosor, rei de Babilonia, deixoume coma vaso baleiro, tragoume coma un dragón, encheu o seu estómago das miñas delicias, e botoume fóra. 35 Ha caer sobre Babilonia a violencia feita que me fixeron na miña carne! Dirá a moradora de Sión. Ha caer o meu sangue sobre os habitantes de Caldea! Dirá Xerusalém. 36 Por tanto, así responde Iahveh: "Velaí, Eu defenderei a túa causa, e executarei a túa vinganza; secarei o seu mar e farei que sequen os seus mananciais. 37 E Babilonia hase converter nun montón de ruínas, en gorida de chacais, en obxecto de terror e de burla, sen habitantes. 38 todos a unha como leóns ruxirán, berrarán coma cachorros de leóns. 39 Farei que os seus banquetes rematen en febre, embebedados celebrando unha orxía; e durmirán nun sono eterno sen espertar, di Iahveh. 40 Farei que baixen coma años ao matadoiro, coma carneiros e chibos. 41 Ai da Babilonia conquistada, o orgullo do mundo capturado! Ai da Babilonia convertida no espanto das nacións! 42 O mar subiu sobre Babilonia; coa multitude das súas ondas foi cuberta. 43 As súas cidades quedaron asoladas, coma terra erma e deserta. Terra onde niunguén vive, onde non pasa ningunha persoa. 44 Castigarei a Bel en Babilonia, e sacarei da súa boca o que tragou, e as nacións non virán máis a el, e aínda o muro de Babilonia caerá. 45 Saíde do medio dela, meu pobo! Salvade cada un a súa vida do ardor da ira de Iahveh! 46 Non desmaie o voso corazón, nin temades o rumor que se escoitará na terra; porque o rumor virá un ano, e despois outro rumor noutro ano, e haberá violencia na terra, con gobernante contra gobernante. 47 Por tanto, velaí, veñen días nos que Eu castigarei os ídolos de Babilonia; será avergoñada toda a súa terra, e todos os seus mortos caerán no medio dela. 48 Entón berrarán de ledicia sobre Babilonia os ceos e a terra e todo o que hai neles, cando a morte veña sobre ela e dende o norte o destrutor, di Iahveh. 49 De certo caerá Babilonia polos mortos de Israel, como tamén por Babilonia caeron os mortos de toda a terra. 50 Os que fuxistes da espada, marchade e non vos deteñades! Chamade a Iahveh dende lonxe, e veña Xerusalém á vosa memoria! 51 Nós estamos avergoñados porque escoitamos o reproche. A confusión cubre os nosos rostros porque os extranxeiros entraron no santuario da casa de Iahveh. 52 Por tanto, velaí, veñen días - di Iahveh - en que castigarei os seus ídolos, e por toda a súa terra xemerán os feridos de morte. 53 Aínda que Babilonia suba ata os ceos, e poña a súa fortaleza no alto, da miña parte chegarán os que a van a destruír, di Iahveh. 54 Clamor e berros dende Babilonia, gran destrución na terra dos caldeos! 55 Porque Iahveh vai destruír a Babilonia, e fará desaparecer dela a súa gran turba. Bramarán as súas ondas coma moitas augas; resoará o estrondo das súas voces. 56 Porque vén contra ela, contra Babilonia, o destrutor. Os seus valentes serán apresados, quebrados están os seus arcos; porque Iahveh é un Deus que retribúe, certamente dará a paga. 57 Eu embebedarei os seus príncipes e os seus sabios, os seus gobernantes, os seus maxistrados e os seus poderosos, e durmirán un sono eterno e non espertarán -di o Rei do que o seu nome é Iahveh dos exércitos. 58 Así di Iahveh dos exércitos: Os anchos muros de Babilonia serán totalmente derrubados, e as súas portas altas queimadas; o pobo traballará en balde, e as nacións esforzaránse só para o lume. 59 Mensaxe que o profeta Xeremías mandou a Seraías, fillo de Nerías, fillo de Maasías, cando ía con Sedequías, rei de Xudá, a Babilonia no ano cuarto do seu reinado. (Seraías era xefe de abastecementos). 60 Escribeu, pois, Xeremías nun só pergamiño toda a calamidade que había vir sobre Babilonia, é dicir, tódalas palabras que foron escritas sobre Babilonia. 61 E díxolle Xeremías a Seraías: -Cando chegues a Babilonia, e mires e leas en voz alta todas estas cousas, 62 dirás: -Ai Iahveh! Ti falaches contra este lugar para destruílo ata que non quede morador nela, sexa persoa ou animal, senón que sexa unha desolación eterna. 63 E tan pronto como remates de ler este pergamiño, ataraslle unha pedra e botaralo no medio do Éufrates, 64 dicindo: Así hase afundir Babilonia para non se erguer máis, polas calamidades que traerei sobre ela para que sexan abatidos! Aquí rematan as palabras de Xeremías.