Capítulo 49

1 Sobre os fillos de Amón. Así di Iahveh: "Non ten fillos Israel? Non ten herdeiro? Por que, pois, Milcom toma posesión de Gad e se establece o seu pobo nas súas cidades? 2 Por tanto, velaí, veñen días - di Iahveh - en que farei que se escoite o berro de guerra contra Rabá dos fillos de Amón, e será convertida en monte de ruínas, e as súas cidades serán incendiadas. Entón Israel desposuirá a quen o tiña desposuído - di Iahveh. 3 Xeme, Hesbón, porque Ai foi destruída. Clamade, fillas de Rabá, vestídevos de cilicio e lamentade, correde dun lado para o outro por entre os muros, porque Milcom irá ao cativerio xunto cos seus sacerdotes e os seus príncipes. 4 Como te gabas dos teus vales, do val da abundancia, filla infiel? Ti que confiaches nos teus tesouros e dicías: quen virá contra min? 5 Velaí, Eu traio sobre ti terror - di Iahveh o Señor, Deus dos exércitos – que te rodeará por todas partes, e seredes expulsados, cadaquén diante de si e non haberá quen recolla aqueles que fuxiron. 6 Pero despois restaurarei o benestar dos fillos de Amón, di Iahveh. 7 Sobre Edom. Así di Iahveh dos exércitos: -Non hai máis sabedoría en Temán? Perdeuse o consello dos seus mestres? Corrompeuse a súa sabedoría? 8 Fuxide, volvede, cavade refuxios, habitantes de Dedan, porque traerei a ruína de Esaú sobre el no tempo do seu castigo. 9 Se viñeran a ti vendimadores, non deixarían algún acio? Se viñeran ladróns de noite, non te saquearían ata que lles bastara? 10 Pero Eu son o que ispo a Esaú, e descubro os seus escondedoiros e non poderá agocharse. Foi destruída a súa descendencia, cos seus irmáns e veciños, e deixará de ser. 11 Deixa os teus orfos, que Eu hei crialos; deixa que as túas viúvas confíen en min. 12 Pois así di Iahveh: "Velaí, os que non estaban condenados a beber a copa, certamente a beberán, e has ser ti o que marchará sen castigo ningún? Non serás absolto, senón que certamente a beberás. 13 Porque xurei por min mesmo - di Iahveh - que Bosra será motivo de terror, de aldraxe, de ruína e de maldición; todas as súas cidades converteranse en ruínas para sempre. 14 Escoitei unha mensaxe de parte de Iahveh. Un mensaxeiro é enviado entre as nacións, dicindo: -Reunídevos e vinde contra ela, e erguédevos para a batalla! 15 Pois velaí que te fixen pequena entre as nacións, e menosprezada entre a xente. 16 En canto ao terror que infundías, a soberbia do teu corazón enganoute; ti que vives nas fendas das rochas! Aínda que fagas o teu niño tan alto coma o dunha aguia, de alí fareite caer - di Iahveh. 17 Edom hase converter en obxecto de terror; todo o que pase por el quedará atónito e asubiará por mor de tódalas súas feridas. 18 Como na destrución de Sodoma e Gomorra e das súas cidades veciñas -di Iahveh- ninguén habitará alí, nin residirá nel fillo de home. 19 Velaí que un subirá coma un león da maxestuosidade do Xordán contra do pasto seguros, e nun instante fareino fuxir del, e ao que sexa escollido nomeareino sobre el. Porque quen é coma min e quen me pode desafiar? Quen é o pastor que poida resistirme? 20 Por tanto, escoitade o plan que Iahveh trazou contra Edom, e os designios que decretou contra os habitantes de Temán: non arrastrarán os máis pequenos do seu rabaño? Non destruirán as súas moradas con eles? 21 Ao estrondo da súa caída treme a terra; hai un clamor. Ata o mar Vermello oíuse a súa voz. 22 Velaí que se levanta, voando alto coma unha aguia e estendendo as súas ás contra Bosra. Naquel día o corazón dos valentes de Edom será coma o corazón dunha muller coas angustias do parto. 23 Sobre Damasco. Hamat e Arfad están confundidas porque escoitaron as malas novas e están desanimadas. Derrétense en ansiedade coma augas que non poden acougar. 24 Damasco debilítase, apresúrase para fuxir. O pánico apoderouse dela; Dominada pola anguria e as dores como a muller de parto. 25 Ai! Como foi abandonada a cidade famosa, a cidade da miña ledicia! 26 Por iso os seus mozos caerán nas súas rúas, e tódolos homes de guerra serán reducidos ao silencio naquel día - di Iahveh dos exércitos. 27 E prenderei lume no muro de Damasco que consumirá os palacios de Ben-Adab. 28 Sobre Cedar e dos reinos de Hazor, aos que derrotou Nabucodonosor, rei de Babilonia. Así di Iahveh: "Erguédevos, subide a Cedar e destruíde os fillos do oriente. 29 As súas tendas e os seus rabaños serán tomados; as cortinas das súas tendas, todos os seus bens e os seus camelos! E berrarán contra eles: terror por todas partes! 30 Fuxide, andade errantes polos países de máis lonxe, habitade en refuxios, moradores de Hazor! Di Iahveh, porque Nabucodonosor, rei da Babilonia, concibiu un plan contra vós, trazou plans e designios contra vós. 31 Erguédevos! Subide contra unha nación tranquila, que vive confiada - di Iahveh - non ten portas nin fechaduras; viven sós. 32 Os seus camelos serán o botín, e a multitude dos seus animais por despoxo; e dispersarei a tódolos ventos aos que se rapan as tempas, e de tódolos lados traerei a súa ruína -di Iahveh- 33 E Hazor será gorida de chacais, unha desolación para sempre; ninguén habitará alí, nin residirá nela ninguna persoa. 34 Palabra de Iahveh que veu ao profeta Xeremías sobre Elam no comezo do reinado de Sedequías, rei de Xudá, dicindo: 35 Así di Iahveh dos exércitos: "Velaquí, quebrarei o arco de Elam, o mellor da súa fortaleza. 36 E traerei sobre Elam os catro ventos dende os catro extremos do ceo, e dispersareinos con todos os ventos; non haberá nación onde non vaian os expulsados de Elam. 37 Destruirei a Elam diante dos seus inimigos e diante dos que buscan as súas vidas; traerei sobre eles a calamidade, o ardor da miña ira - di Iahveh - e mandarei tras deles a espada ata que os remate. 38 Entón poñerei o meu trono en Elam, e alí destruirei ao rei e aos príncipes, di Iahveh. 39 Pero acontecerá nos últimos días que farei regresar os cativos de Elam, di Iahveh.