Capítulo 48

1 Sobre Moab. Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Ai de Nebo, porque foi destruída! Quiriataim foi avergoñada e conquistada! A altiva fortaleza foi avergoñada e desfeita. 2 Xa non haberá mais loanza para Moab, en Hesbón maquinaron mal contra ela: Vinde e quitémola de entre as nacións! Tamén ti, Madmena, serás calada, a espada estará sempre enriba túa! 3 Voz de clamor dende Horonaím: Devastación e gran destrución! 4 Moab está destruída! Os seus pequenos deixan oír berros de angustia. 5 Pola costa de Luhit soben con pranto continuo; e pola baixada de Horonaim os inimigos escoitan o clamor do quebranto. 6 Fuxide, salvade as vosas vidas! Sede coma un asno montés no deserto. 7 Por canto puxeches a túa confianza nas túas ganancias e nos teus tesouros, tamén ti serás conquistada, e Quemos será levado ao deserto xunto cos seus sacerdotes e os seus príncipes. 8 O destrutor chegará a cada pobo, e ninguén poderá fuxir; tamén o val será devastado, e a meseta será destruída, como dixo Iahveh. 9 Dáde ás a Moab, para que poida fuxir voando! As súas cidades quedarán desoladas, sen ninguén que habite nelas. 10 Maldito o que fai a obra de Iahveh descoidadamente! Maldito o que retira a súa espada do sangue. 11 Moab estivo descansado dende a súa mocidade, estivo repousado na súa borra; non foi vaciado de vaso en vaso, nin foi ao deserto; por iso retén o seu sabor, e o seu aroma non mudou. 12 Por tanto, velaí, veñen días - di Iahveh - cando lle mandarei a trasfegadores que o trasfeguen; vaciarán as súas cubas e farán anacos as súas olas. 13 E Moab avergoñarase de Quemos, así como a casa de Israel se avergoñou de Betel, a súa confianza. 14 Como podedes dicir: somos poderosos guerreiros, e homes valentes para a guerra? 15 Moab está asolado, das súas ciudades subiu o fume; os seus mellores mozos baixan cara a degolación, di o Rei, que ten por nome Iahveh dos exércitos. 16 A ruína de Moab virá axiña, e a súa calamidade apresúrase en gran maneira. 17 Chorade por el, todos os que habitades ao seu derredor, e todos os que sabedes o seu nome. Dicide: como se quebrou o poderoso cetro, o bastón da súa maxestade! 18 Descende da túa gloria e senta en terra seca, filla que mora en Dibón, porque o destrutor de Moab subiu contra ti, para destruír as túas fortalezas. 19 Párate á beira do camiño e observa, moradora de Aroer; pregunta ao que fuxe e á que quere fuxir, e di: que foi o que pasou? 20 Moab foi derrotado e desfalece! Laiádevos e chorade, e anunciade xunto ao Ardón que Moab foi arrasado! 21 Tamén veu xuízo sobre a chaira, sobre Holón, sobre Iahzaza e contra Mefat, 22 contra Dibón, contra Nebo e contra Bet-deblataim, 23 contra Quiriataim, contra Bet-gamul e contra Bet-meón, 24 contra Queriot, contra Bosra e contra tódalas cidades da terra de Moab, as de lonxe e as de preto. 25 O corno de Moab foi arrincado e o seu brazo está quebrantado, di Iahveh. 26 Embebedádeo, porque se volveu arrogante diante de Iahveh; Moab hase envorcar no seu vómito, e tamén será obxecto de burla! 27 Non foi Israel obxecto de burla para ti? Ou foi sorprendido entre ladróns? Por que fas burla cada vez que falas del? 28 Deixade as cidades e morade nas rochas, habitantes de Moab! Sede coma unha pomba que aniña máis aló da boca do precipicio. 29 Oímos do orgullo de Moab, da súa soberbia desmedida, da súa arrogancia, do seu orgullo e insolencia, e da altivez do seu corazón. 30 Eu sei da súa xactancia - di Iahveh - pero é inútil; a súa va xactancia nada conseguen. 31 Por tanto, heime lamentar por Moab, si, por todo Moab clamarei; xemerei polos homes de Kir-hares. 32 Chorarei por ti máis que por Iacer, oi viña de Sibma. As túas ramas pasaron sobre o mar, chegaron ata as augas de Iacer; sobre os teus froitos de verán e sobre a túa vendima caeu o destrutor, 33 e foron quitadas a ledicia e o xúbilo do campo frutífero, da terra de Moab. Fixen que se esgotara o viño dos lagares; ninguén os pisará con ledicia, e se hai berros non serán berros de gozo. 34 O clamor dende Hesbón chega ata Eleale e ata Iaaza levantaron a súa voz; dende Zoar ata Horonaim e ata Eglat-selisia; porque tamén as augas de Nimrim serán asoladas. 35 E farei desaparecer de Moab - di Iahveh - ao que ofrece sacrificios en lugar alto e ao que queima incenso aos seus deuses. 36 Por iso, o meu corazón xeme por Moab con voz de frauta; o meu corazón xeme tamén coma unha frauta polos homes de Kir-hares, xa que perderon a abundancia que se producira. 37 Porque toda cabeza está rapada e toda barba raída; en tódalas mans hai incisións e sobre os lombos cilicio. 38 En tódalas terrazas de Moab e nas súas prazas todo é lamentación, porque esnaquizei a Moab coma un vaso que non serve para nada, di Iahveh. 39 Laiádevos! Como foi quebrantado! Como deu Moab as súas costas avergoñado! Moab será, pois, obxecto de burla e de terror para todos os que o rodean. 40 Porque así di Iahveh: Velaí, voará veloz como a aguia, e estenderá as súas ás contra Moab. 41 Son tomadas as cidades e as fortalezas conquistadas; aquel día o corazón dos valentes de Moab será coma o corazón dunha muller de parto. 42 E Moab será destruído, deixará de ser pobo porque se engrandeceu contra Iahveh. 43 Terror, foso e trampa veñen sobre ti, morador de Moab, di Iahveh. 44 O que fuxa do terror caerá na foso, e o que suba do foso caerá na trampa; porque Eu estou a traer sobre el, sobre Moab, o ano do seu castigo -di Iahveh. 45 Á sombra de Esbón paran os fuxidos sen forzas; pois saíu lume de Esbón, e unha lapa do medio de Sehón, que consumiu a Moab ata o extremo, e a testa dos fillos da destrución. 46 Ai de ti, Moab! Pereceu o pobo de Quemos! Os teus fillos foron tomados en cativeiro, e as túas fillas marchan cara o desterro. 47 Pero farei volver os cativos de Moab nos derradeiros días, di Iahveh. Ata aquí a sentenza de Moab.