Capítulo 43

1 Aconteceu que cando Xeremías rematou de falar a todo o pobo tódalas palabras de Iahveh o seu Deus, é dicir, tódalas palabras coas que Iahveh o seu Deus o mandara, 2 Azarías, fillo de Oseas, e Iohanán, fillo de Carea, e tódolos homes arrogantes dixéronlle a Xeremías: -É mentira o que dis. Iahveh o noso Deus non te mandou dicir: non debedes entrar en Exipto para residir alí; 3 senón que Baruc, fillo de Nerías, te incita contra nós para nos entregar nas mans dos caldeos, a fin de que nos maten ou nos deporten a Babilonia. 4 Non obedeceu, pois, Iohanán, fillo de Carea, nin ningún dos capitáns das tropas, nin ninguén do pobo, a voz de Iahveh, de quedar na terra de Xudá, 5 senón que Iohanán, fillo de Carea, e tódolos capitáns das tropas, colleron a todo o remanente de Xudá que volvera de tódalas nacións ás que foran dispersados, para residir na terra de Xudá: 6 homes, mulleres e nenos, ás fillas do rei e a toda persoa que Nabuzaradán, capitán da garda, deixara con Guedalías, fillo de Ahicam e neto de Safán, e tamén ao profeta Xeremías e a Baruc, fillo de Nerías, 7 e entraron na terra de Exipto (pois non escoitaron a voz de Iahveh) e adentráronse ata Tafnes. 8 Entón veu a palabra de Iahveh a Xeremías en Tafnes, dicindo: 9 Toma nas túas mans pedras grandes e entérraas con cemento no firme de ladrillo que está á entrada da casa de Faraón en Tafnes, á vista dos xudeus, 10 e dilles: así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: velaí que mandarei traer a Nabucodonosor, rei de Babilonia, meu servo, e poñerei o seu trono sobre estas pedras que agachei, e el estenderá o seu palacio sobre elas. 11 Virá e ferirá a terra de Exipto: os que sexan destinados para a morte, á morte, os que sexan para a catividade, á catividade, e os que sexan para a espada, á espada! 12 E prenderá lume aos templos dos deuses de Exipto e queimaraos, e levará cativos aos seus ídolos. E ha sacudir a terra de Exipto coma o pastor sacude a súa capa, e sairá de alí en paz. 13 Tamén quebrará as estatuas do templo do sol, que están na terra de Exipto, e prenderá lume aos templos dos deuses de Exipto.