1
Palabra que veu a Xeremías para todos os xudeus que vivían na terra de Exipto, os que vivían en Migdol, en Tafnes, en Menfis e na terra de Patros, dicindo:
2
Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Vós vistes toda a calamidade que trouxen sobre Xerusalém e sobre tódalas cidades de Xudá, e que velaí, hoxe están en ruínas e ninguén vive alí,
3
por mor da maldade que eles cometeron para provocarme a ira, queimando constantemente sacrificios e servindo a outros deuses que non coñeceran, nin eles, nin vós, nin os vosos pais.
4
Con todo, mandeivos a tódolos meus servos os profetas repetidas veces, dicindo: non fagades agora esta cousa abominable que Eu aborrezo!
5
Pero non escoitaron nin inclinaron o seu ouvido para afastarse da súa maldade, para deixar de queimar sacrificios a outros deuses.
6
Polo que se derramou a miña ira e a miña indignación e ardeu nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalém, que foron convertidas en ruínas e en desolación, como o están hoxe.
7
Agora pois, así di Iahveh Deus dos exércitos, o Deus de Israel: por que vos facedes un dano tan grande para as vosas almas, cortando de entre vós a home e muller, neno e lactante do medio de Xudá, sen que vos quede remanente,
8
provocándome á ira coa obra das vosas mans, queimando sacrificios a outros deuses na terra de Exipto, onde entrastes a residir, de modo que sexades exterminados e veñades ser maldición e aldraxe entre tódalas nacións da terra?
9
Esquecestes as maldades dos vosos pais, as maldades dos reis de Xudá e as maldades das súas mulleres, as vosas propias maldades e as maldades das vosas mulleres, que cometestes na terra de Xudá e nas rúas de Xerusalém?
10
Ata hoxe non se humillaron, nin temeron, nin camiñaron na miña lei nin nos meus estatutos que puxen diante de vós e diante dos vosos pais.
11
Polo tanto, así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Velaquí, volverei o rostro contra vós para mal, e para destruír a todo Xudá.
12
E quitarei o remanente de Xudá que decidiu entrar na terra de Exipto para peregrinar alí, e serán todos consumidos na terra de Exipto; caerán á espada, pola fame serán consumidos. Tanto o pequeno coma o grande morrerán á espada e de fame; seredes motivo de maldición, de terror, de imprecación e de aldraxe.
13
E castigarei os que moran na terra de Exipto, como castigei a Xerusalém, coa espada, coa fame e coa pestilencia.
14
E non quedará quen fuxa nin quen sobreviva do remanente de Xudá que entrou na terra de Exipto para peregrinar alí, para logo volver á terra de Xudá á que desexan volver a fin de morar alí, porque ningún volverá, agás algún que outro fuxitivo.
15
Entón todos os homes que sabían que as súas mulleres queimaban sacrificios a outros deuses, xunto con tódalas mulleres que estaban presentes, unha grande multitude, e todo o pobo que vivía na terra de Exipto, en Patros, responderon a Xeremías, dicindo:
16
En canto á mensaxe que nos falaches no nome de Iahveh, non te imos escoitar,
17
senón que certamente cumpriremos toda palabra que saíu da nosa boca, e queimaremos sacrificios á raíña do ceo, derramándolle libacións, como sempre temos feito nós, os nosos pais, os nosos reis e os nosos príncipes nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalém. Entón tiñamos alimento abondo, eramos felices e non viamos mal algún.
18
Pero dende que deixamos de queimar sacrificios á raíña do ceo e de derramarlle libacións, fáltanos de todo, e pola espada e pola fame fomos consumidos.
19
E engadiron as mulleres: cando queimamos nós sacrificios á raíña do ceo e lle derramamos libación, será que lle fixemos tortas coa súa imaxe e lle derramamos libación sen sabelo os nosos maridos?
20
Entón Xeremías falou a todo o pobo, a homes e a mulleres, a todo o pobo que lle respondía así, dicindo:
21
En canto aos sacrificios que queimastes nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalém, vós e os vosos pais, os vosos reis e os vosos príncipes e o pobo da terra, non se lembrou Iahveh deles, e non veu isto á súa mente?
22
Iahveh non puido soportar máis, por mor da maldade das vosas obras e por mor das abominacións que cometestes; por iso a vosa terra foi convertida en ruínas, obxecto de terror e maldición, ata non quedar ninguén, como está hoxe.
23
Porque queimastes sacrificios e pecastes contra Iahveh e non obedecestes á voz de Iahveh nin camiñastes na súa lei, nin nos seus estatutos, nin nos seus testemuños, por tanto, veu sobre vós esta calamidade, como acontece hoxe.
24
Entón Xeremías dixo a todo o pobo e a tódalas mulleres: -Escoitade a palabra de Iahveh, todo Xudá, os que estades na terra de Exipto:
25
Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Vós e as vosas mulleres non so falastes coa vosa boca, senón que coas vosas mans levástelo a cabo, dicindo: cumpriremos sen falta cos nosos votos que fixemos de queimar sacrificios á raíña do ceo e de derramarlle libacións. Pois ide a cumprir os vosos votos! Poñede por obra as vosas promesas!
26
Pero escoitade a palabra de Iahveh, todo Xudá, os que vivides na terra de Exipto: velaí, Eu xurei polo meu gran nome - di Iahveh - que nunca máis será invocado o meu nome en toda a terra de Exipto pola boca de ningún home de Xudá, dicindo: vive Iahveh o Señor!
27
Velaí, estou a vixiar sobre eles para mal e non para ben, e serán consumidos todos os homes de Xudá que están na terra de Exipto pola espada e pola fame ata que sexan totalmente exterminados.
28
E os que fuxan da espada, poucos en número, volverán da terra de Exipto á terra de Xudá. Entón saberá todo o remanente de Xudá que foi á terra de Exipto para peregrinar alí, cal é a palabra que ha permanecer: a miña ou a deles.
29
E este será o sinal para vós - di Iahveh - de que Eu vouvos castigar neste lugar, para que saibades que certamente as miñas palabras permanecerán para mal contra vós.
30
Así di Iahveh: Velaí, entregarei a Faraón Hofra, rei de Exipto, nas mans dos seus inimigos, nas mans dos que buscan a súa vida, así como entreguei a Sedequías, rei de Xudá, en mans de Nabucodonosor, rei de Babilonia, o seu inimigo, que buscaba a súa vida.