Capítulo 42

1 Entón achegáronse todos os capitáns das tropas, Iohanán, fillo de Carea, Iezanías, fillo de Oseas, e todo o pobo dende o menor ata o maior, 2 e dixéronlle ao profeta Xeremías: -Acepta agora a nosa súplica, e ora a Iahveh o teu Deus por nós, por todo este remanente, porque quedamos poucos de moitos que eramos, como poden ver os teus ollos, 3 para que Iahveh o teu Deus nos indique o camiño por onde debemos ir e o que debemos facer. 4 Entón o profeta Xeremías díxolles: -Escoitei. Velaí, irei a orar a Iahveh o voso Deus conforme as vosas palabras, e todas as palabras que Iahveh vos responda, eu declarareinas. Non vos esconderei palabra algunha. 5 E eles dixeron a Xeremías: - Sexa Iahveh unha testemuña veraz e fiel contra nós se non actuamos conforme a toda a palabra que Iahveh o teu Deus te mande para nós. 6 Se é bo ou malo, escoitaremos a voz de Iahveh o noso Deus a quen te mandamos, para que nos vaia ben cando escoitemos a voz de Iahveh o noso Deus. 7 Aconteceu que ao cabo de dez días, veu a palabra de Iahveh a Xeremías. 8 Entón chamou a Iohanán, fillo de Carea, e a tódolos capitáns das tropas que estaban con el, e a todo o pobo dende o menor ata o maior, 9 e díxolles: -Así di Iahveh, Deus de Israel, a quen me mandastes para presentar diante del a vosa súplica: 10 Se vos quedades nesta terra, entón edificareivos e non vos derrubarei, plantareivos e non vos arrincarei, porque me pesa o mal que vos fixen. 11 Non temades o rei de Babilonia, a quen temedes; non temades a súa presenza - di Iahveh - porque Eu estou convosco para salvarvos e librarvos da súa man. 12 Eu terei misericordia de vós, para que el teña misericordia de vós e vos restaure á vosa terra. 13 Pero se dicides: non quedaremos nesta terra!, non obedecendo así a voz de Iahveh o voso Deus, 14 dicindo: non, senón que iremos á terra de Exipto, onde non veremos guerra, nin escoitaremos o son da trompeta, nin teremos fame de pan, e alí quedaremos!; 15 nese caso, escoitade a palabra de Iahveh, remanente de Xudá. Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: se vos obstinades en entrar en Exipto, e entrades para residir alí, 16 entón acontecerá que a espada que vós temedes, chegará a vós alí na terra de Exipto, e a fame que vos preocupa, seguiravos de preto alí en Exipto, e alí morreredes. 17 Así pois, tódalas persoas que se atrevan a ir a Exipto para residir alí, morrerán á espada, de fame e de pestilencia; non lles quedará sobreviviente nin quen fuxa do mal que vou traer sobre eles. 18 Porque así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: "Como se derramou a miña ira e a miña indignación sobre os habitantes de Xerusalém, así se derramará a miña ira sobre vós cando entredes en Exipto. E seredes motivo de maldición, de terror, de imprecación e de aldraxe; e non veredes máis este lugar. 19 Iahveh falouvos, remanente de Xudá: Non entredes en Exipto! Estouvolo advertindo de maneira clara no día de hoxe! 20 Porque vos enganades a vós mesmos? Pois fostes vós os que me mandastes a Iahveh o voso Deus, dicindo: rógalle por nós a Iahveh o noso Deus, e o que Iahveh o noso Deus diga, fáinolo saber e farémolo. 21 E xa volo dixen hoxe, pero non escoitastes a voz de Iahveh o voso Deus, nin cousa algunha do que El me mandou dicir. 22 Agora pois, sabédeo ben, que morreredes á espada, de fame e de pestilencia no lugar onde desexedes ir a residir.