1
Cando penses volver, Oi Israel - di Iahveh - vólvete a min. Se quitas da miña presenza os teus abominables ídolos, xa non irás dun lugar para outro,
2
entón xurarás: vive Iahveh, en verdade, en xuízo e en xustiza, e as nacións alegraranse nel, e nel hanse gloriar.
3
Porque así di Iahveh aos homes de Xudá e de Xerusalém: -Rompede o barbeito, e non sementedes entre espiños.
4
Circuncidádevos diante de Iahveh, e quitade os prepucios dos vosos corazóns, homes de Xudá e habitantes de Xerusalém, non sexa que o meu furor saia coma lume e arda e non haxa quen o apague, por mor da maldade das vosas obras.
5
Anunciádeo en Xudá e proclamádeo en Xerusalém, e dicide: tocade o shofar na terra! Clamade con tódalas forzas, e dicide: reunídevos e entremos nas cidades fortalecidas!
6
Erguede a bandeira cara Sión; buscade refuxio, non vos deteñades; porque Eu traio do norte a calamidade, unha gran destrución.
7
Saíu o león da espesura, e o destrutor das nacións púxose en camiño; saíu do seu lugar para converter a túa terra en desolación. As túas cidades quedarán en ruínas, sen habitantes.
8
Por iso, vestídevos de cilicio, laiádevos e xemede; porque a ira ardente de Iahveh non se afastou de nós.
9
E acontecerá naquel día - di Iahveh - que desfalecerá o corazón do rei e o corazón dos príncipes; quedarán atónitos os sacerdotes e os profetas estarán consternados.
10
Entón dixen: -Ai, Señor Deus! Certamente enganaches moito a este pobo e a Xerusalém, dicindo: teredes paz, cando temos a espada ao pescozo.
11
Naquel tempo dirase a este pobo e a Xerusalém: un vento abrasador chega das alturas desoladas do deserto, en dirección á filla do meu pobo, non para aventar, nin para limpar,
12
E un vento aínda máis forte virá ao meu mandato, e Eu mesmo pronunciarei xuízos contra eles.
13
Velaí que sobe coma as nubes, e coma unha tormenta os seus carros; os seus cabalos son máis lixeiros que as aguias. Ai de nós, porque estamos perdidos!
14
Oi Xerusalem! Lava de maldade o teu corazón para que sexas salva. Ata cando vivirán dentro de ti pensamentos perversos?
15
Porque unha voz anuncia dende Dan, e proclama o mal dende os montes de Efraín.
16
Avisádeo ás nacións: ollade, anunciade a Xerusalém: os sitiadores veñen de terra lonxe e levantan as súas voces contra as cidades de Xudá.
17
Coma gardas de campo están apostados contra ela por todos lados, porque se rebelou contra min, di Iahveh.
18
O teu comportamento e as túas accións trouxéronche estas cousas. Este é o froito da túa maldade. Que amargura! Como penetrou ata o teu corazón!
19
A miña alma, a miña alma! Estanme a doer as fibras do meu corazón. Non pode estarse quedo, porque escoitaches miña alma, o son do shofar e o clamor da guerra.
20
Anúnciase desastre sobre desastre, porque é arrasada toda a terra; de súpeto son arrasadas as miñas tendas, nun instante as miñas cortinas.
21
Canto máis hei ver a bandeira e escoitar o son do shofar?
22
Porque o meu pobo é necio, non me coñece; son fillos torpes, non son intelixentes. Son astutos para facer o mal, pero non saben facer o ben.
23
Mirei á terra e velaí que estaba desordenada e baleira; e aos ceos, e non tiñan luz.
24
Mirei os montes, e velaí que tremían, e tódolos outeiros estremecíanse.
25
Mirei e velaí que non había persoa algunha, e tódalas aves do ceo fuxiran.
26
Mirei, e velaí que a terra frutífera era un deserto, e tódalas súas cidades estaban arrasadas diante de Iahveh, diante do ardor da súa ira.
27
Porque así di Iahveh: "Toda esta terra será desolada, pero non causarei unha destrución total.
28
Por iso lamentarase a terra e escurecerán os ceos de arriba, porque falei, decidín, e non me arrepentirei, nin desistirei de o facer.
29
Ao ruído de xinetes e arqueiros fuxe toda a cidade; entran nas espesuras e tropezan polas rochas. Toda cidade está abandonada, e non queda nelas ningún morador.
30
E unha desolada, que farás? Aínda que te vistas de escarlata, aínda que te poñas ornamentos de ouro, aínda que engrandezas con tinta os ollos, en balde te engalanas; os teus amantes desprezante; só buscan a túa vida.
31
Escoito berros coma de muller de parto, angustia coma de primoxénito: é o pranto da filla de Sión que está a morrer, que estende as súas mans, dicindo: -Ai de min! A miña alma desmaia por culpa dos asasinos!