1
Deus di: "Se un home se divorcia da súa muller, e ela vaise do seu lado e chega a ser doutro home; volverá el a ela? Non quedará esa terra totalmente profanada? Pois ti es unha prostituta con moitos amantes; volveras a min? di Iahveh.
2
Levanta os teus ollos ás alturas e mira: onde non te prostituíches? Sentábaste xunto aos camiños para eles coma o beduíno no deserto, profanando a terra coa túa prostitución e a túa maldade.
3
Por iso foron detidas as chuvias, e non houbo chuvia de mañá; pero ti prostituta descarada, negácheste a ser avergoñada.
4
Agora mesmo disme: Ti es meu pai, o amigo da miña mocidade, pensando:
5
non gardará rancor para sempre, nin estará indignado ata o fin; mais segues a facer todas as maldades que podes.
6
Díxome Iahveh nos días do rei Iosías: -Ves o que fixo a infiel Israel? Ela andaba sobre todo monte alto e debaixo de toda árbore frondosa, e alí fornicaba.
7
E dixen para min: despois de que ela faga todas estas cousas, volverá a min; pero non volveu! E viuno a súa perversa irmá Xudá.
8
Viu que por mor de todos os adulterios da infiel Israel, eu despedíraa, dándolle carta de divorcio; con todo, a súa perversa irmá Xudá non tivo temor, senón que ela tamén foi e fíxose prostituta.
9
E sucedeu que por mor de que a súa fornicación éralle liviá, prostituíuse coa pedra e a madeira, e profanou a terra.
10
A pesar de todo isto, a súa irmá perversa Xudá tampouco se volveu a min de todo corazón, senón dun xeito finxido, di Iahveh.
11
E Iahveh díxome: -A infiel Israel amosouse máis xusta que a perversa Xudá.
12
Vai e proclama estas palabras ao norte, e di: "Volve, infiel Israel! - di Iahveh - non te mirarei con ira, porque son misericordioso - di Iahveh - non gardarei rancor para sempre.
13
Só recoñece a túa iniquidade, pois contra Iahveh o teu Deus te rebelaches, e repartiches os teus favores aos estranxeiros debaixo de toda árbore frondosa, e non obedeciches a miña voz, di Iahveh.
14
-Volvede, fillos infieis - di Iahveh - porque Eu son o voso dono, e tomareivos, un de cada cidade e dous de cada familia, e levareivos a Sión.
15
Entón dareivos pastores segundo o meu corazón, que vos apacenten con coñecemento e con intelixencia.
16
E acontecerá que naqueles días, cando vos multipliquedes e medredes na terra - di Iahveh - non se falará máis da arca do pacto de Iahveh; nin se lles virá máis á mente, nin se lembrarán dela, nin a visitarán, ni se fará outra.
17
Naquel tempo chamarán a Xerusalém: "trono de Iahveh"; e tódalas nacións acudirán a ela, a Xerusalém, por mor do nome de Iahveh; e non andarán máis tras da dureza do seu malvado corazón.
18
Naqueles días andará a casa de Xudá coa casa de Israel, e virán xuntas dende a terra do norte á terra que dei en herdanza aos vosos pais.
19
Pero dícía Eu para min: como poderei poñerte entre os meus fillos, e darche unha terra desexable, a máis fermosa herdanza das nacións? Entón dixen para min: -Hasme chamar “Meu Pai” e non te afastarás de min.
20
Mais coma unha muller que traizoa o seu amado, do mesmo xeito fostes infieis comigo, casa de Israel - di Iahveh.
21
Escoitade! Sobre os altos montes síntese o pranto das súplicas dos fillos de Israel; porque perverteron o seu camiño, esquecéndose de Iahveh o seu Deus.
22
Volvede, fillos infieis! Eu sandarei a vosa infidelidade! Aquí estamos! Viñemos a ti, porque ti, Iahveh, es o noso Deus.
23
En verdade, para engano foron os outeiros, e o balbordo dos montes; de certo en Iahveh o noso Deus está a salvación de Israel.
24
Aquilo que era avergoñante consumeu o traballo dos nosos pais dende a nosa mocidade: as súas ovellas e as súas vacas, os seus fillos e as súas fillas.
25
Deitémonos na nosa vergoña, e que nos cubra a nosa humillación; porque pecamos contra Iahveh o noso Deus, nós e os nosos pais dende a nosa mocidade ata hoxe, e non temos obedecido a voz de Iahveh o noso Deus.