1
E veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
Vai e clama aos ouvidos de Xerusalém, dicindo: -Así di Iahveh: Lémbrome de ti e da tenrura da túa mocidade, o amor do teu desposorio, de cando me seguías no deserto, por terra non sementada.
3
Santo era Israel para Iahveh, primicias da súa colleita; todos os que comían dela pagábano, e o mal viña sobre eles -di Iahveh-.
4
Escoitade a palabra de Iahveh, casa de Xacob, e tódalas familias da casa de Israel.
5
Así di Iahveh: -Que inxustiza atoparon en min os vosos pais, para se afastaren de min? Fóronse tras da vaidade e se ficaron baleiros.
6
En lugar de se preguntar: "Onde está Iahveh, que nos fixo subir da terra de Exipto, que nos levou polo deserto, por unha terra deserta e despoboada, terra seca e escura, unha terra pola que ninguén pasou e onde ningunha persoa habitou?
7
Eu levéivos a unha terra fértil, para que comésedes do seu froito e das súas delicias; pero viñestes e contaminastes a miña terra, e convertestes a miña herdanza en abominación.
8
Os sacerdotes non preguntaban: "Onde está Iahveh?" Os que se ocupaban da lei non me coñecían, os pastores rebelábanse contra min, e os profetas profetizaban no nome de Baal, e andaban tras cousas que non aproveitan.
9
Polo tanto, aínda hei de contender convosco - di Iahveh - e cos fillos dos vosos fillos contenderei.
10
Pasade, pois, ás costas de Quitim e ollade, mandade xente a Cedar e observade atentamente, e vede se houbo cousa semellante:
11
Mudou algunha nación os seus deuses? (aínda que eses non son deuses) Pois o meu pobo mudou a miña gloria polo que non aproveita.
12
Espantádevos, ceos, por isto, e tremede, quedade en extremo desolados - di Iahveh -.
13
Porque dous males fixo o meu pobo: abandonáronme a min, fonte de augas vivas, e cavaron para si cisternas, cisternas escachadas que non reteñen a auga.
14
É un escravo Israel ou un servo nacido na casa? Por que se converteu en presa?
15
Contra el ruxiron os leóns, ruxiron forte, e fixeron da súa terra unha desolación; as súas cidades están queimadas, sen habitantes.
16
Mesmo os homes de Menfis e de Tafnes raparon a túa cabeza.
17
Non che aconteceu isto por ter abandonado a Iahveh o teu Deus, cando El te guiaba polo camiño?
18
E agora, que fas camiño a Exipto para beber as augas do Nilo? Ou que fas rumbo a Asiria para beber as augas do Éufrates?
19
Castigarate a túa propia maldade! E as túas apostasías condenarante! Recoñece, pois, e mira que é malo e amargo deixar a Iahveh o teu Deus, e non ter temor de min, di Iahveh, Deus dos exércitos.
20
Porque hai tempo que rompín o teu xugo e arrinquei as túas ataduras; pero ti dixeches: non quero servir! Porque sobre todo outeiro alto e debaixo de toda árbore frondosa botábaste coma prostituta.
21
Pero Eu planteite como vide escollida, toda ela de cepas xenuínas. Como, pois, te volviches diante de min bacelo dexenerado de vide allea?
22
Aínda que te laves con lixivia e empregues moito xabón, a mancha da túa iniquidade aínda está diante de min, di Iahveh Deus.
23
Como podes dicir: non estou manchada, non fun detrás dos baales? Mira o teu proceder no val, recoñece o que fixeches. Es unha dromedaria desbocada e lixeira que enredou os seus pasos,
24
asna montesa afeita ao deserto! que no seu ardor ule o vento, quen poderá reprimir o seu celo? Todos os que a busquen, non se han fatigar, atoparana sempre disposta.
25
Garda os teus pés de andar descalzos e a túa gorxa da sede. Mais dixeches: non hai remedio, non! Amo os estranxeiros, e detrás deles andarei!
26
Como se avergoña o ladrón cando é descuberto, así será avergoñada a casa de Israel: os seus reis, os seus príncipes, os seus sacerdotes e os seus profetas;
27
os que din á madeira: "ti es o meu pai," e á pedra: "ti enxendráchesme." Porque eles volvéronme as costas, e non a cara; pero no tempo da súa calamidade dirán: érguete e sálvanos!
28
Mais onde están os teus deuses, os que fixeches para ti? Que se levanten, a ver se poden salvarte no tempo da túa calamidade! Porque segundo o número das túas cidades son os teus deuses, Oi Xudá.
29
Por que contendedes comigo? Todos vós vos rebelastes contra min, di Iahveh.
30
En balde ferín os vosos fillos, eles non aceptaron a corrección. A vosa espada devorou os vosos profetas coma un león destrutor.
31
Oi xeración, atendede á palabra de Iahveh! Fun eu un deserto para Israel? Ou unha terra de tebras? Por que di o meu pobo: somos libres, non volveremos máis a ti?
32
Esquécese unha virxe dos seus enfeites, ou unha noiva do seu atavío? Pois o meu pobo esqueceume por innumerables días.
33
Que ben preparas o teu camiño para buscar o amor! Por iso aínda ás malvadas ensinaches os teus camiños.
34
Tamén nas túas sandalias atopouse sangue da vida de pobres inocentes; non os atopaches forzando a entrada. Pero a pesar de todo isto,
35
aínda dis: son inocente, certamente a súa ira afastouse de min. Velaquí, entrarei en xuízo contigo porque dis: non pequei.
36
Por que dás tantas voltas mudando o teu camiño? Tamén por Exipto serás avergoñada como fuches avergoñada pola Asiria.
37
Tamén de alí sairás coas mans na cabeza; porque Iahveh rexeitou a aqueles en quen confías, e non prosperarás con eles.