Capítulo 5

1 Percorrede as rúas de Xerusalém, e mirade agora, e informádevos; buscade nas súas prazas, a ver se atopades algunha persoa, se hai un só que faga xustiza, que busque a verdade, e Eu perdoareina. 2 Pois aínda que digan: "vive Iahveh," de certo xuran falsamente. 3 Oi Iahveh! Non buscan os teus ollos a verdade? Ti feríchelos, mais non lles doeu; consumíchelos, mais eles rexeitaron recibir a corrección. Endureceron as súas caras máis que a rocha, non queren volverse a ti. 4 Entón eu dixen: -En verdade estes son soamente xente ignorante, son necios, porque non coñecen o camiño de Iahveh nin as ordenanzas do seu Deus. 5 Hei de ir aos grandes e falarei con eles, porque eles si coñecen o camiño de Iahveh e as ordenanzas do seu Deus. Pero tamén todos eles a unha quebraron o xugo e racharon os cabestros. 6 Por iso os ha ferir o león do bosque, o lobo dos desertos destruiraos; un leopardo axexa as súas cidades, e todo o que saia delas será esnaquizado, porque as súas transgresións son moitas, e as súas apostasías numerosas. 7 Por que hei de perdoarte por isto? Os teus fillos abandonáronme e xuraron polo que non é Deus. Cando os saciei, cometeron adulterio e foron en masa á casa das prostitutas. 8 Eran cabalos lascivos e ardentes, cada un rinchando detrás da muller do seu próximo. 9 Non hei castigar a este pobo? -di Iahveh - non hei vengarme dunha nación coma esta? 10 Subide por entre os seus muros e destruídeos! Mais non fagades destrución total; arrincade os seus pámpanos, pois non son de Iahveh! 11 Porque a casa de Israel e a casa de Xudá actuaron perversamente comigo," di Iahveh. 12 Arrenegaron de Iahveh dicindo: Non vai a ser así! Ningunha calamidade virá sobre nós, e non veremos nin espada nin fame. 13 Os profetas son coma o vento, e a palabra non está neles. Que se lles faga así a eles! 14 Por tanto, así di Iahveh, Deus dos exércitos: "Porque falaron esta palabra, velaí, poño as miñas palabras na túa boca por lume e a este pobo coma leña, e consumiraos. 15 "Velaí, vou traer de lonxe unha nación contra vós, casa de Israel - di Iahveh - unha nación forte, é unha nación antiga, unha nación da que non coñecerás a lingua, e non poderás entender o que fala. 16 A súa alxaba é coma sepulcro aberto, todos eles son valentes. 17 Devorará a túa colleita e o teu pan; devorará os teus fillos e as túas fillas; devorará as túas ovellas e as túas vacas; devorará as túas viñas e as túas figueiras; e destruirá coa espada as túas cidades fortificadas nas que ti confías. 18 Con todo, aínda naqueles días - di Iahveh - non vos hei destruír por completo. 19 E cando che pregunten: por que Iahveh o noso Deus nos fixo todo isto? Diraslles: así como me deixastes e servistes a deuses estranxeiros na vosa terra, así serviredes a estraños nunha terra que non é vosa. 20 Anunciade isto na casa de Xacob e proclamádeo en Xudá, dicindo: 21 -Escoitade agora isto, pobo necio e insensible, que teñen ollos e non ven, teñen ouvidos e non escoitan. 22 Non me temedes? -di Iahveh- non tremedes diante de min, Eu que puxen a area coma fronteira do mar, coma límite perpetuo que non ha ser traspasado? Aínda que se axiten as ondas, non prevalecerán; aínda que ruxan, non pasarán sobre ela. 23 Mais este pobo ten un corazón teimudo e rebelde; desviáronse e fóronse. 24 E non din no seu corazón: temamos agora a Iahveh o noso Deus, Aquel que dá a chuvia ao seu tempo, tanto a chuvia do outono como a da primavera, e que reserva para nós as semanas establecidas para a colleita. 25 As vosas iniquidades afastaron estas cousas, e os vosos pecados priváronvos do ben. 26 Porque no meu pobo atópanse impíos que vixían axexando coma cazadores: poñen trampas e enredan a persoas. 27 Coma unha xaula chea de paxaros, así están as súas casas cheas de engano; por iso engrandecéronse e enriqueceron. 28 Engordaron e puxéronse lustrosos, e sobrepasan os límites do mal: non defenden a causa, a causa do orfo, para que prospere, nin defenden os dereitos do pobre. 29 Non hei castigalos por isto? -di Iahveh - non se ha vingar a miña alma dunha nación coma esta? 30 Na terra aconteceu unha cousa espantosa e terrible: 31 os profetas profetizan falsamente, os sacerdotes gobernan pola súa conta, e ao meu pobo gústalle así. Pero que faredes cando todo remate?