Capítulo 39

1 E aconteceu que Xerusalém foi tomada no ano noveno de Sedequías, rei de Xudá, no décimo mes, cando veu Nabucodonosor, rei de Babilonia, con todo o seu exército contra Xerusalém, e sitiouna. 2 No ano undécimo de Sedequías, no mes cuarto, no noveno día do mes, abriuse unha fenda no muro da cidade. 3 E entraron todos os oficiais do rei de Babilonia e sentaron na porta central: Nergal-sarezer, Samgar-nebo, Sarse-quim o Rabsaris, Nergal-sarezer o Rabma e todos os demais oficiais do rei de Babilonia. 4 E aconteceu que cando os viu Sedequías, rei de Xudá, e tódolos homes de guerra, fuxiron e saíron da cidade á noitiña polo camiño do xardín do rei, pola porta entre os dous muros; e marcharon polo camiño da Arabá. 5 Pero o exército dos caldeos perseguiunos, e alcanzaron a Sedequías nos campos de Iericó; apresárono e levárono a Ribla na terra de Hamat, onde Nabucodonosor, rei de Babilonia, dictou sentenza contra del. 6 Entón o rei de Babilonia degolou os fillos de Sedequías diante dos seus ollos en Ribla; tamén o rei de Babilonia degolou a tódolos nobres de Xudá. 7 Despois sacoulle os ollos a Sedequías e atouno con grillóns de bronce para levalo a Babilonia. 8 E os caldeos prenderon lume ao palacio do rei e ás casas do pobo e derrubaron os muros de Xerusalém. 9 E Nabuzaradán, capitán da garda, levou cativo a Babilonia ao resto do pobo que quedou na cidade e mailos desertores que se pasaran a eles, xunto co remanente do pobo. 10 Pero a algúns dos máis pobres do pobo que non tiñan nada, Nabuzaradán, capitán da garda, deixounos na terra de Xudá, e deulles ese día viñas e campos. 11 Nabucodonosor, rei de Babilonia, deu ordes a Nabuzaradán, capitán da garda, respecto de Xeremías, dicindo: 12 Cólleo e ten conta del, e non lle fagas mal algún; senón que farás con el conforme o que el mesmo che diga. 13 Entón deu ordes Nabuzaradán, capitán da garda, xuntamente con Nebusazbán o Rabsaris, e Nergal-sarezer o Rabma, e todos os oficiais principais do rei de Babilonia; 14 e mandaron sacar a Xeremías do patio da garda e puxérono ao coidado de Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Safán, para que o levase a casa. E viviu no medio do pobo. 15 E estando preso no patio da garda, a palabra de Iahveh viñera a Xeremías dicindo: 16 Vai e fálalle ao etíope Ebed-melec, dicindo: -Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: velaí, traio as miñas palabras sobre esta cidade para mal e non para ben; e cumpriranse diante de ti naquel día. 17 Pero Eu librareite nese día - di Iahveh - e non serás entregado nas mans dos homes dos que tes medo. 18 De certo Eu heite librar, e non caerás á espada; antes ben, terás a túa vida por botín, porque confiaches en min, di Iahveh.