Capítulo 37

1 E Sedequías, fillo de Iosías, a quen Nabucodonosor, rei de Babilonia, fixera rei na terra de Xudá, reinou en lugar de Conías, fillo de Ioacim. 2 Pero nin el, nin os seus servos, nin o pobo da terra escoitaron as palabras que Iahveh falara por medio do profeta Xeremías. 3 E o rei Sedequías mandou a Iucal, fillo de Selemías, e ao sacerdote Sofonías, fillo de Maasías, para dicirlle ao profeta Xeremías: -Rógoche que ores por nós a Iahveh o noso Deus. 4 Naqueles días Xeremías entraba e saía no medio do pobo, porque aínda non o puxeran no cárcere. 5 Nese intre, o exército de Faraón saíra de Exipto, e cando chegou a ouvidos dos caldeos que tiñan sitiado a Xerusalém, retiráronse de Xerusalém. 6 Entón veu a palabra de Iahveh ao profeta Xeremías, dicindo: 7 Así di Iahveh, Deus de Israel: -Así diredes ao rei de Xudá, que vos mandou a min para consultarme: velaquí, o exército de Faraón que saíu na vosa axuda, volverá á súa terra de Exipto. 8 E os caldeos volverán e pelexarán contra esta cidade, capturarana e prenderanlle lume. 9 Así di Iahveh: -Non vos enganedes, dicindo: seguramente os caldeos afastaranse de nós! Porque non se han afastar. 10 Pois aínda que derrotásedes a todo o exército dos caldeos que pelexaba contra vós, e só quedasen feridos entre eles, levantaríase cada un da súa tenda, e prenderían lume a esta cidade. 11 E aconteceu que cando o exército dos caldeos se retirou de Xerusalém por mor do exército de Faraón, 12 Xeremías saíu de Xerusalém para ir á terra de Benxamín a tomar alí posesión dunha herdanza cos seus. 13 Pero cando chegou á porta de Benxamín, había alí un capitán da garda que se chamaba Irías, fillo de Selemías, fillo de Hanasías, quen apresurou ao profeta Xeremías, dicindo: -Estaste a pasar aos caldeos! 14 Pero Xeremías dixo: -Non é verdade! Non me vou pasar aos caldeos! Con todo el non lle fixo caso, e prendeu a Xeremías e levouno aos oficiais. 15 E os oficiais anoxáronse contra Xeremías e azoutárono, e encarcerárono na casa do escriba Xonatán, que converteran en prisión. 16 Xeremías foi posto no calabozo, e permaneceu alí durante moitos días. 17 E o rei Sedequías mandouno buscar, e cando chegou á sua casa, o rei preguntoulle en segredo: -Hai palabra de Iahveh? E Xeremías respondeu: -Hai; e engadiu: - Serás entregado nas mans do rei de Babilonia. 18 Díxolle tamén Xeremías ao rei Sedequías: -En que pequei contra ti, ou contra os teus servos, ou contra este pobo para que me puxeras na cadea? 19 Onde están os vosos profetas que vos profetizaban, dicindo: o rei de Babilonia non virá contra vós, nin contra esta terra? 20 Mais agora, rógoche que escoites, Oi rei, o meu señor; veña agora a miña súplica diante de ti, e non me fagas volver á casa do escriba Xonatán, non sexa que morra eu alí. 21 Entón o rei Sedequías ordenou que puxeran a Xeremías no patio da garda e lle deran unha torta de pan ao día da rúa dos panadeiros, ata que se esgotara todo o pan na cidade. E permaneceu Xeremías no patio da garda real.