Capítulo 36

1 E aconteceu que no ano cuarto de Ioacim, fillo de Iosías, rei de Xudá, veu esta palabra a Xeremías de parte de Iahveh, dicindo: 2 -Toma un pergamiño e escribe nel tódalas palabras que che falei sobre Israel, sobre Xudá e sobre tódalas nacións, dende o día que che falei, dende os días de Iosías, ata hoxe. 3 Pode ser que a casa de Xudá escoite toda a calamidade que penso traer sobre eles, e se volvan cada un do seu mal camiño; e Eu poida perdoar a súa iniquidade e o seu pecado. 4 Chamou, pois, Xeremías a Baruc, fillo de Nerías, e Baruc escribiu ao dictado de Xeremías, nun pergamiño, tódalas palabras que Iahveh lle falara. 5 E Xeremías mandou a Baruc dicindo: -A min estame prohibido entrar na casa de Iahveh. 6 Vai, pois, en día de xaxún, e le no pergamiño que escribiches ao meu dictado, as palabras de Iahveh a ouvidos do pobo, na casa de Iahveh. E tamén as lerás a ouvidos de todos os de Xudá que veñen das súas cidades. 7 Pode ser que a súa súplica chegue diante de Iahveh, e todos se volvan do seu mal camiño, porque grande é a ira e a indignación que Iahveh pronunciou contra este pobo. 8 E Baruc, fillo de Nerías, fixo conforme todo o que o profeta Xeremías lle mandara, e leu no libro as palabras de Iahveh, na casa de Iahveh. 9 E no quinto ano de Ioacim, fillo de Iosías, rei de Xudá, no noveno mes, proclamaron xaxún diante de Iahveh a todo o pobo en Xerusalém e a todo o pobo que veu das cidades de Xudá a Xerusalém. 10 E Baruc leu no libro as palabras de Xeremías aos ouvidos de todo o pobo na casa de Iahveh, na habitación de Iemarías, fillo do escriba Safán, no atrio superior, á entrada da porta nova da casa de Iahveh. 11 Ao escoitar Micaías, fillo de Iemarías, fillo de Safán, todas as palabras de Iahveh que estaban no libro, 12 baixou á casa do rei, á habitación do escriba. E velaí, estaban sentados alí todos os oficiais: o escriba Elisama, Delaías, fillo de Semaías, Elnatán, fillo de Acbor, Iemarías, fillo de Safán, Sedequías, fillo de Ananías, e tódolos os demais oficiais. 13 E Micaías declaroulles todas as palabras que escoitara cando Baruc leu no libro a ouvidos do pobo. 14 Entón tódolos oficiais mandaron a Ieudí, fillo de Netanías, fillo de Selemías, fillo de Cusi, para dicirlle a Baruc: -Toma na túa man o pergamiño que liches a ouvidos do pobo, e vén. E Baruc, fillo de Nerías, colleu o pergamiño na súa man e foi onda eles. 15 E dixéronlle: -Senta agora, e le para que podamos escoitalo. E Baruc leuno. 16 E aconteceu que cando escoitaron todas as palabras, miráronse uns aos outros amedrentados, e dixéronlle a Baruc: -Certamente faremos saber ao rei todas estas palabras. 17 E preguntáronlle a Baruc dicindo: -Dinos agora como escribiches todas estas palabras. Foi ao seu dictado? 18 Baruc respondeulles: -El dictábame todas estas palabras e eu ía escribíndoas con tinta no pergamiño. 19 Entón os oficiais dixéronlle a Baruc: -Vai, agáchate, ti e Xeremías, e que ninguén saiba onde estades. 20 E entraron no atrio onde estaba o rei, despois de depositar o pergamiño na habitación do escriba Elisama, e contáronlle aos ouvidos do rei tódalas palabras. 21 Entón o rei mandou a Ieudí a buscar o pergamiño, e este colleuno da habitación do escriba Elsamá. E Ieudí leulle ao rei e a tódolos oficiais que estaban xunto ao rei. 22 E o rei estaba sentado na casa de inverno (era o noveno mes), e había un braseiro prendido diante del. 23 E sucedeu que despois de que Ieudí lera tres ou catro columnas, o rei rachouno coa navalla do escriba e botouno no lume que estaba no braseiro, ata consumir todo o pergamiño no lume que había no braseiro. 24 Nin o rei nin ningún dos seus servos que escoitou todas estas palabras tiveron temor nin racharon as súas vestiduras. 25 E aínda que Elnatán e Belaías e Iemarías rogaron ao rei que non queimara o pergamiño, el non lles fixo caso. 26 Entón o rei ordenou a Ieremel, fillo do rei, a Seraías, fillo de Azriel, e a Selemías, fillo de Abdeel, prender o escriba Baruc e o profeta Xeremías, pero Iahveh agachounos. 27 Entón veu a palabra de Iahveh a Xeremías, despois de que o rei queimara o pergamiño e as palabras que Baruc escribira ao dictado de Xeremías, dicindo: 28 -Volve tomar outro pergamiño e escribe nel tódalas palabras que estaban no primeiro pergamiño que queimou Ioacim, rei de Xudá. 29 E a Ioacim, rei de Xudá, dirás: así di Iahveh: ti queimaches este pergamiño, dicindo: por que escribiches nel que certamente virá o rei de Babilonia e destruirá esta terra, e fará desaparecer dela a persoas e animais? 30 Polo tanto, así di Iahveh sobre Ioacim, rei de Xudá: "Non terá quen sente sobre o trono de David, e o seu cadáver quedará botado á calor do día e á xeada da noite. 31 Heino castigar, a el, á súa descendencia e aos seus servos pola súa iniquidade, e traerei sobre eles, sobre os habitantes de Xerusalém e sobre os homes de Xudá toda a calamidade que lles anunciei, e que eles rexeitaron escoitar. 32 Entón Xeremías colleu outro pergamiño e deullo ao escriba Baruc, fillo de Nerías, e el escribiu nel ao dictado de Xeremías, tódalas palabras do pergamiño que Ioacim, rei de Xudá, queimara no lume, e aínda se lle engadiron moitas outras palabras semellantes.