1
Veu a palabra de Iahveh a Xeremías por segunda vez, mentres el aínda estaba detido no patio da garda, dicindo:
2
Así di Iahveh que fixo a terra, Iahveh que a formou para establecela; Iahveh é o seu nome:
3
"Chámame, e Eu respondereiche e revelareiche cousas grandes e inaccesibles, que ti non coñeces."
4
Porque así di Iahveh, Deus de Israel, sobre as casas desta cidade e sobre as casas dos reis de Xudá que foron derrubadas para construír defensas contra as torres de asalto e contra a espada:
5
Agora veñen a pelexar contra ela os caldeos enchéndoas cos cadáveres dos homes que ferín na miña ira e no meu furor, pois eu agochara o meu rostro desta cidade por mor de toda a súa maldade,
6
velaí, Eu mesmo traerei saúde e sanidade; sandareinos e revelareilles a abundacia de paz e de verdade.
7
Farei volver aos cativos de Xudá e os cativos de Israel e restablecereinos coma no principio.
8
Limpareinos de toda a maldade que cometeron contra min, e perdoarei tódalas iniquidades coas que pecaron contra min e coas que transgrediron os meus mandamentos.
9
E a cidade será para min un nome de gozo, de loanza e de gloria diante de tódalas nacións da terra, que escoitarán de todo o ben que lle fago, e temerán e tremerán por mor de todo o ben e de toda a paz que lle dou.
10
Así di Iahveh: "Neste lugar, do que vós dicides: está desolado, sen persoas nin animais, nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalém que están desoladas, sen persoas, sen habitantes e sen animais, hase sentir de novo
11
a voz de gozo e voz de ledicia, a voz do noivo e a voz da noiva, a voz dos que din: dade grazas a Iahveh dos exércitos, porque Iahveh é bo, porque a súa misericordia é para sempre; e dos que traen ofrenda de acción de grazas á casa de Iahveh. Porque volverei a traer os cativos da terra coma no principio, di Iahveh.
12
Así di Iahveh dos exércitos: "Neste lugar deserto, sen persoas nin animais, e en tódalas súas cidades, haberá de novo morada de pastores que fagan descansar os seus rabaños.
13
Nas cidades da rexión montañosa, nas cidades da chaira, nas cidades do Neguev, na terra de Benxamín, nos arredores de Xerusalém e nas cidades de Xudá, volverán pasar as ovellas baixo as mans do que as conta, di Iahveh.
14
"Velaí, veñen días - di Iahveh - en que cumprirei a boa palabra que falei á casa de Israel e á casa de Xudá.
15
Naqueles días e naquel tempo farei abrollar de David un xermolo xusto, e El fará xuízo e xustiza na terra.
16
Naqueles días Xudá estará salvo, e Xerusalém vivirá segura, e este é o nome con que será chamada: Iahveh, é a nosa xustiza.
17
Porque así di Iahveh: "Nunca lle faltará a David quen sente sobre o trono da casa de Israel;
18
nin lles ha faltar aos sacerdotes e os levitas un home que ofreza diante de min o holocausto e prenda a ofrenda, e que faga o sacrificio todolos días.
19
Veu a palabra de Iahveh a Xeremías, dicindo:
20
Así di Iahveh: "Se puidésedes quebrantar o meu pacto co día e o meu pacto coa noite, de modo que o día e a noite non aparezan ao seu tempo,
21
entón tamén podería quebrarse o meu pacto co meu servo David, e el non tería fillo para reinar sobre o seu trono cos levitas e sacerdotes, os meus ministros.
22
Como non se pode contar o exército do ceo, nin se pode medir a area do mar, así multiplicarei a descendencia do meu servo David e dos levitas que me serven.
23
Veu a palabra de Iahveh a Xeremías, dicindo:
24
Non ouviches o que este pobo falou, dicindo: as dúas familias que Iahveh escolleu, rexeitounas? Deste xeito desprezan o meu pobo, xa non son unha nación aos seus ollos.
25
Así di Iahveh: como é certo que creei o día e a noite e establecín os ceos e a terra,
26
tamén é certo que non rexeitarei a descendencia de Xacob e do meu servo David, deixando de tomar da súa descendencia quen goberne sobre a descendencia de Abraham, de Isaac e de Xacob. Porque Eu restauro o seu benestar e teño misericordia deles.