1
Palabra que veu a Xeremías de parte de Iahveh no ano décimo de Sedequías, rei de Xudá, que foi o ano décimo oitavo de Nabucodonosor.
2
Naquel tempo o exército do rei de Babilonia tiña sitiado a Xerusalém, e o profeta Xeremías estaba encerrado no patio da garda, que estaba na casa do rei de Xudá,
3
porque Sedequías, rei de Xudá, foi quen de encerralo, acusándoo: - Ti profetizas, dicindo: así di Iahveh: velaí, vou entregar esta cidade nas mans do rei de Babilonia, para que a conquiste.
4
Sedequías, rei de Xudá, non fuxirá da man dos caldeos, senón que certamente será entregado nas mans do rei de Babilonia que falará con el cara a cara, e os seus ollos verán os ollos del;
5
e el levará a Sedequías a Babilonia, e estará alí ata que Eu o visite. Se loitades contra os caldeos, non teredes éxito, di Iahveh
6
E Xeremías dixo: -Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
7
Velaí, Hanameel, fillo do teu tío Salum, vén a ti, dicindo: merca o campo que teño en Anatot, porque ti tes o dereito de rescate para mercalo.
8
E veu onda min Hanameel, fillo do meu tío, ao patio da garda conforme a palabra de Iahveh, e díxome: -Rógoche que merques o campo que teño en Anatot, que está na terra de Benxamín, porque ti tes o dereito de posesión e o rescate é teu; mercao para ti. Entón comprendín que esta era a palabra de Iahveh.
9
E merquei a Hanameel, fillo do meu tío, o campo que estaba en Anatot, e pesei a prata, dezasete siclos de prata.
10
Escribín o contrato e púxenlle un selo, fíxeno certificar con testemuñas, e pesei a prata na balanza.
11
Logo tomei o contrato de venda, a copia selada segundo o dereito e o costume, e tamén a copia aberta;
12
e deille a escritura da propiedade a Baruc, fillo de Nerías, fillo de Maasías, en presenza de Hanameel, fillo do meu tío, en presenza das testemuñas que firmaron a escritura da propiedade e diante de todos os xudeus que se atopaban no patio do cárcere.
13
E dei orde a Baruc en presenza deles, dicindo:
14
-Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Toma estas escrituras, esta escritura da propiedade selada e esta escritura aberta, e gárdaas nun vaso de barro para que se conserven por moito tempo.
15
Porque así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: “Aínda se mercaran casas, campos e viñas nesta terra.”
16
Entón orei a Iahveh, despois de dar a escritura da propiedade a Baruc, fillo de Nerías, dicindo:
17
-Ai, Iahveh Deus! Velaí que ti fixeches os ceos e a terra co teu gran poder e co teu brazo estendido; nada é demasiado difícil para ti,
18
que amosas misericordia a milleiros, pero que castigas a maldade dos pais nos seus fillos despois deles, Oi Deus grande e poderoso, Iahveh dos exércitos é o seu nome;
19
grande en consello e poderoso en obras, os seus ollos están abertos sobre todos os camiños dos fillos dos homes, para dar a cada un conforme os seus camiños e conforme o froito das súas obras.
20
Ti fixeches sinais e portentos en Exipto, lembrados ata hoxe en Israel e entre todas as nacións; fixécheste un renome, como se ve hoxe.
21
E sacaches o teu pobo Israel da terra de Exipto con sinais e portentos, con man forte e con brazo estendido e con fazañas terribles,
22
e decheslle esta terra, que xuraches dar aos seus pais, terra da que flúe leite e mel.
23
E eles entraron e tomaron posesión dela, pero non obedeceron a túa voz nin camiñaron na túa lei. Non fixeron nada de todo o que lles mandaches facer; por iso ti fixeches vir sobre eles toda esta calamidade.
24
Velaí, as torres de asalto chegan á cidade para conquistala, e a cidade vai ser entregada nas mans dos caldeos que pelexan contra ela, por mor da espada, a fame e a pestilencia. Aconteceu tal como anunciaches, e ti estás a velo.
25
E ti, Iahveh Deus disme: "Merca o campo con cartos, e chama as testemuñas; aínda que a cidade sexa entregada nas mans dos caldeos?
26
Entón veu a palabra de Iahveh a Xeremías, dicindo:
27
Velaí, Eu son Iahveh, o Deus de toda carne, haberá cousa imposible para min?
28
Polo tanto, así di Iahveh: "Velaquí, entregarei esta cidade nas mans dos caldeos e nas mans de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e el ha tomala.
29
E entrarán os caldeos que atacan esta cidade, e prenderanlle lume e queimarana, xunto coas casas nas que ofreceron incenso a Baal sobre as súas terrazas e derramaron libación a outros deuses para provocarme ira.
30
Porque os fillos de Israel e os fillos de Xudá só fixeron o malo aos meus ollos dende a súa mocidade; en verdade os fillos de Israel non fixeron máis ca provocarme a ira coa obra das súas mans -di Iahveh-
31
Porque motivo da miña ira e do meu furor foi esta cidade para min, dende o día en que a edificaron ata hoxe, de xeito que será quitada da miña presenza
32
por todo o mal que os fillos de Israel e os fillos de Xudá fixeron para provocarme a ira, eles, os seus reis, os seus príncipes, os seus sacerdotes, os seus profetas, os xudeos e os habitantes de Xerusalém.
33
Eles déronme as costas, e non o rostro; aínda que lles ensinaba dende o abrente, unha e outra vez, non escoitaron nin aceptaron corrección,
34
senón que puxeron as súas abominacións na casa que é chamada polo meu nome, profanándoa.
35
E edificaron os lugares altos de Baal que están no val de Ben-Hinom, para facer pasar polo lume os seus fillos e as súas fillas en honra de Moloc, o que Eu nunca lles mandara, nin me pasou pola mente que eles cometesen esta abominación, para facer que Xudá pecara.
36
Agora pois, así di Iahveh, Deus de Israel, en canto a esta cidade da que vós dicides: vai ser entregada nas mans do rei de Babilonia pola espada, pola fame e pola pestilencia.
37
Velaí que os reunirei de tódalas terras ás que os botei na miña ira, no meu furor e na miña grande indignación, e fareinos volver a este lugar e fareinos vivir seguros.
38
Eles serán o meu pobo, e Eu serei o seu Deus;
39
e dareilles un só corazón e un só camiño, para que me teman sempre, para ben deles e dos seus fillos despois deles.
40
Farei con eles un pacto eterno, e non me afastarei deles, para facerlles ben, e infundirei o meu temor nos seus corazóns para que non se afasten de min.
41
Heime compracer neles facéndolles ben, e certamente heinos plantar nesta terra, con todo o meu corazón e con toda a miña alma.
42
Porque así di Iahveh: "Como trouxen a este pobo toda esta gran calamidade así vou traer sobre eles todo o ben que lles prometín.
43
E mercaranse campos nesta terra da que vós dicides: é unha desolación, sen persoas nin animais; entregada está nas mans dos caldeos.
44
A xente mercará campos por cartos, firmará e selará escrituras e chamará a testemuñas, na terra de Benxamín, nos arredores de Xerusalém, nas cidades de Xudá, nas cidades da rexión montañosa, nas cidades da chaira e nas cidades do Neguev. Eu farei volver os seus cativos, di Iahveh.