Capítulo 31

1 Naquel tempo - di Iahveh - Eu serei o Deus de tódalas familias de Israel, e eles serán o meu pobo. 2 Así di Iahveh: "O pobo que fuxiu da espada atopou graza no deserto, Israel vai á procura do seu descanso. 3 De lonxe aparecéuselle Iahveh dicíndolle: "Ameite con amor eterno, por iso te atraín coa miña misericordia." 4 De novo hei de te edificar, e serás reedificada, virxe de Israel; de novo tomarás os teus pandeiros, e sairás bailando chea de ledicia. 5 De novo plantarás viñas nos montes de Samaria, e os que plantan colleitaranas. 6 Porque haberá un día no que berrarán os gardas na rexión montañosa de Efraín: Erguédevos e subamos a Sión, a Iahveh o noso Deus! 7 Porque así di Iahveh: Berrade cheos de xúbilo por Xacob! Dade voces pola primeira das nacións! Proclamade, louvade, e dicide: Iahveh, salvou o seu pobo, o remanente de Israel! 8 Velaí, Eu fágovos volver do país do norte, e reunireinos dos confíns da terra, e con eles os cegos e os coxos, a muller embarazada e tamén a que está a dar a luz; unha gran compañía volverá aquí. 9 Marcharon chorando, mais fareinos volver cheos de consolo; fareinos camiñar xunto a arroios de augas, por camiño recto no que non tropezarán; porque Eu son un pai para Israel, e Efraín é o meu primoxénito. 10 Escoitade nacións, a palabra de Iahveh, anunciádea nas costas de lonxe, e dicide: "O que dispersou a Israel vaino reunir e gardar coma un pastor o seu rabaño." 11 Porque Iahveh rescatou a Xacob, e rescatouno de mans máis fortes ca el. 12 Virán e berrarán de gozo no alto de Sión, e radiarán de ledicia pola bondade de Iahveh: polo gran, polo viño e polo aceite, e polas crías das ovellas e das vacas. A súa alma será coma horta regada, e nunca máis languidecerán. 13 Entón alegrarase a virxe danzando, e os mozos e os anciáns xuntos, porque cambiarei o seu loito en ledicia, consolareinos e alegrareinos da súa tristura. 14 E encherei con abundancia a alma dos sacerdotes, e o meu pobo será saciado da miña bondade, di Iahveh. 15 Así di Iahveh: "Sentiuse un berro en Ramá, lamentos e choros amargos. Raquel chora polos seus fillos, e rexeita ser consolada, porque os seus fillos pereceron. 16 Así di Iahveh: Reprende a túa voz do pranto, e os teus ollos das bágoas, porque hai pago para o teu traballo -di Iahveh- pois volverán da terra do inimigo. 17 E hai esperanza para o teu futuro - di Iahveh - os fillos volverán á súa propia terrra. 18 Escoitei atentamente o lamento de Efraín: azoutáchesme, e fun castigado coma becerro indómito. Faime volver para que sexa restaurado, pois ti, Iahveh, es o meu Deus. 19 Porque despois de afastarme, arrepentinme, e despois de que comprendín a miña falta, deime golpes na man; avergoñéime e tamén me humillei, porque levaba a aldraxe da miña mocidade. 20 Non é Efraín o meu fillo amado? Non é un neno precioso para min? Pois aínda cando o reprendo, lémbrome del con tenrura, as miñas entrañas conmóvense e xurde a compaixón, di Iahveh. 21 Levanta para ti sinais, coloca campamentos altos; fai caso da calzada, do camiño no que andaches. Volve, virxe de Israel, volve a estas túas cidades! 22 Ata cando andarás errante, filla infiel? Porque Iahveh vai crear algo novo na terra: a muller rondará o home. 23 Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: Unha vez máis falarán esta palabra na terra de Xudá e nas súas cidades, cando Eu faga volver os exiliados: Iahveh te bendiga, morada de xustiza, monte santo! 24 En Xudá e tódalas súas cidades, os xornaleiros e os que van cos rabaños vivirán xuntos. 25 Porque Eu hei satisfacer a alma cansada e saciarei a toda alma atribulada. 26 Nisto espertei e mirei, e o meu sono foi agradable. 27 "Velaí, veñen días - di Iahveh - en que sementarei a casa de Israel e a casa de Xudá de semente de home e de semente de animal. 28 E como velei sobre eles para arrincar e para derrubar, para dispersar, para destruír e para traer calamidade, así velarei sobre eles para edificar e para plantar - di Iahveh. 29 Naqueles días non dirán máis: os pais comeron uvas amargas, e os dentes dos fillos tiveron denteira, 30 senón que cada un pola súa propia maldade morrerá; os dentes de toda persoa que coma uvas amargas terán denteira. 31 "Velaí, veñen días - di Iahveh, nos que farei coa casa de Israel e coa casa de Xudá un novo pacto, 32 non como o pacto que fixen cos seus pais o día que os tomei da man para sacalos da terra de Exipto, o meu pacto que eles quebraron, aínda que Eu fun un marido para eles, di Iahveh; 33 Por iso este é o pacto que farei coa casa de Israel despois daqueles días, di Iahveh, porei a miña lei dentro deles, e escribireina nos seus corazóns; e Eu serei o seu Deus e eles serán o meu pobo. 34 E non terán que ensinar máis cada un o seu próximo e cada un a seu irmán, dicindo: coñece a Iahveh! Porque todos me coñecerán, dende o máis pequeno deles ata o máis grande, di Iahveh, pois perdoarei a súa maldade, e non lembrarei máis o seu pecado. 35 Así di Iahveh, o que estableceu o sol para a luz do día, e as leis da lúa e das estrelas para a luz da noite, o que remexe o mar para que bramen as súas ondas; Iahveh dos exércitos é o seu nome: 36 Se se afastaran estas leis da miña presenza -di Iahveh- tamén a descendencia de Israel deixará de ser nación diante de min para sempre. 37 Así di Iahveh: "Se os ceos enriba se puidesen medir, e se se puidesen explorar embaixo os alicerces da terra, tamén Eu rexeitaría toda a descendencia de Israel por todo o que fixeron, di Iahveh. 38 "Velaí, veñen días - di Iahveh - en que a cidade será reedificada para Iahveh, dende a torre de Hananeel ata a porta do Ángulo. 39 E o cordel de medir sairá directo ata o outeiro de Gareb, e virará ata Goa. 40 E todo o val dos cadáveres e das cinzas, e tódolos campos ata o arroio Cedrón, ata a esquina da porta dos cabalos cara o oriente, estarán consagrados a Iahveh. A cidade nunca máis será devastada nin destruída.